O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A ponte de Pontevea, un dos maiores símbolos do Concello de Teo, está a piques de convertirse en Ben de Interés Cultural. Despois de que o Concello de Teo tramitase en abril do ano pasado esta solicitude de protección para o monumento o DOG do martes 21 de febreiro publica o anuncio da Dirección Xeral de Patrimonio polo que se incoa expediente para a declaración de BIC da ponte medieval que une os Concellos de Teo e A Estrada. Unha vez que esta declaración sexa formal Teo contará con catro BICs xa que ten tres petróglifos con esta consideración: Pena Bicuda de Loureiro, Outeiro do Corno I e Monte Cornide ou río Angueira.
Segundo a documentación aportada polo Concello de Teo para a xustificación desta solicitude a ponte de Pontevea é medieval, construída no s. XVI, con modificacións importantes no s. XVIII, aínda que esto non descarta a posible existencia dunha ponte anterior da época romana. A ponte está por riba do río Ulla, a fronteira natural entre as provincias da Coruña e Pontevedra e constrúese para facilitar a comunicación entre Santiago e o sur de Galicia. Conchi García, a concelleira de Turismo, a persoa que coordinou o traballo administrativo desta solicitude, destaca "a importancia que ten esta declaración para a conservación e protección deste monumento" e agradece "o amplo traballo técnico que se fixo dende o arquivo municipal e a área técnica de turismo nos últimos meses para conquerir estes BICs". Despois da solicitude do Concello a Dirección Xeral de Patrimonio pediu tres informes ao Consello da Cultura Galega, á Facultade de Xeografía e Historia da USC e á Real Academia de Belas Artes, para validar esta solicitude. Os tres informes foron positivos e recomendaron ademais un maior espazo de protección no entorno da ponte.
O anuncio da Dirección Xeral de Patrimonio polo que se incoa expediente para a declaración de BIC da ponte establece un período dun mes de exposición pública do expediente para continuar coa tramitación administrativa.
No seu día o BNG presentou no pleno do Concello a proposta de solicitude de BIC deste monumento, iniciativa apoiada por unanimidade por todos os grupos políticos presentes na corporación.
Unha vez que a ponte de Pontevea sexa Ben de Interés Cultural o Concello de Teo contará con catro bens con este recoñecemento. En decembro pasado recibíase unha notificación da Xunta pola que se recoñece o carácter de ben de interese cultural (BIC) de tres petróglifos, concretamente Pena Bicuda de Loureiro, Outeiro do Corno I e Monte Cornide ou río Angueira. Deste xeito a Consellería de Cultura recoñece a importancia do patrimonio arqueolóxico teense.
A declaración de ben de interese cultural para estas manifestacións artísticas é de gran importancia “xa que esta concesión facilitará a concesión de axudas doutras administracións que nos permitirán a posta en valor, sinalización e mellora da accesibilidade destes bens” explica Conchi García.