O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello de Teo acada un investimento de máis de 100.000 euros para o acondicionamento da Praza Circular da urbanización dos Tilos, dentro do Plan Hurbe da Xunta de Galicia. A intervención foi ratificada esta mañá coa sinatura dun convenio de colaboración entre a administración local e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, representadas polo tenente de alcalde, Ignacio Iglesias, e a conselleira, Beatriz Mato.
As obras teñen como finalidade incorporar diversos equipamentos no espazo público. Servirán para dotar e poñer en servizo as redes de subministración eléctrica, alumeado público e abastecemento da praza, así como traballos complementarios de urbanización, mobiliario ou xardinería.
Esta iniciativa foi un dos primeiros proxectos que se presentou na recente convocatoria do Plan Hurbe da Xunta. A Consellería encargarase da súa financiación íntegra, e a licitación e execución das obras, a través da Secretaría Xeral de Urbanismo, de acordo co establecido no plan.
A Xunta recoñece que a actuación resulta acorde ao obxectivo do Plan Hurbe de promover a execución de equipamentos urbanos municipais, para que os Concellos poidan desenvolver unha adecuada oferta de actividades de ocio, recreativas, culturais e de lecer.
Continuidade a un investimento de case 210.000 euros nun plan provincial
Os traballos que se acometerán con cargo ao convenio asinado hoxe servirán para darlle continuidade a outro investimento, licitado a comezos deste mes de agosto, que o Concello efectuará na Praza Circular dos Tilos. Neste caso, son case 210.000 euros con cargo ao Plan de Acción Social (PAS) 2015 da Deputación da Coruña.
Esta primeira fase contempla como principal actuación instalar unha cuberta de 20 x 20 metros, isto é, de 400 metros cadrados de superficie. Terá unha estrutura composta por pilares metálicos e unha lousa de formigón armado, con oito lucernarios deseñados para achegar unha iluminación homoxénea ao espazo cuberto. Os pilares actuarán á súa vez como soporte de enerxía para as actividades e eventos que se desenvolvan na praza.
A maiores, instalarase un aseo accesible de uso público, que poderá utilizarse nos actos e eventos que o requiran. E de xeito previo, dotarase o espazo de nova pavimentación. Tamén se prevé erixir un novo muro delimitador, de 50 metros de lonxitude, que servirá para conter un dos noiros, resituar os bancos de madeira e dispoñer novas árbores e espazos axardinados. A vexetación en parterre existente ata agora no centro da praza será retirada, para incrementar as posibilidades de uso da zona.
Cómpre ter en conta que a praza dos Tilos acolle cada sábado pola mañá o Mercado do Alimento Labrego, pero ademais é un dos espazos abertos de encontro cotián preferidos polos veciños e veciñas da urbanización. A reforma e acondicionamento fará que poida albergar actuacións musicais ou teatrais durante todo o ano e atraer persoas de todas as idades. Favorecerá que sexa un lugar compartido por poboación moi diversa, fronte á delimitación de espazos por franxas de idade que se observa na actualidade nos Tilos.