O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O alcalde de Teo, Rafael Sisto Edreira, xunto coa concelleira de Cultura e Educación, Pilar Pérez Faxil, visitan este 23 de febreiro, na véspera do Día de Rosalía, os centros escolares dos Tilos, da Ramallosa e de Calo, así como as unitarias dos Centros Rurais Agrupados (CRA), para distribuír recursos para o ensino relacionados coa autora de Padrón.
O Concello agasallará a cada aula de Educación Infantil co disco Rosalía pequeniña, onde Uxía Senlle versiona versos da nosa autora máis universal, e tamén co libro disco A miña primeira Rosalía con interpretacións de María Manuela, Mero, Mini e Xiana Lastra.
O obxectivo que se persegue desde a institución municipal é poñer en valor e render unha homenaxe a Rosalía de Castro, que puxo a súa voz e a súa vida ao servizo da dignificación da nosa lingua, das mulleres e dos desfavorecidos, en tempos nada propicios.
Mediante esta pequena escolma musical das súas pezas, que servirá como material de apoio nas aulas de Infantil, os nenos e nenas teenses poderán ter un primeiro contacto cos textos da autora, así como coa música en lingua galega.
“A importancia da música e das palabras nos primeiros momentos das nosas vidas son de máxima importancia tanto para a conformación dunha identidade persoal como colectiva, polo que estes recursos son unha ferramenta para axudar a darlle un futuro á lingua galega a través do ensino”, sinala Rafael Sisto, alcalde de Teo.
Esta é unha das iniciativas coas que o Concello de Teo celebrará o Día de Rosalía este 24 de febreiro.
Por outra parte tamén se pon a disposición dos escolares un banco de recursos sobre a figura de Rosalía en internet ao que se pode acceder premendo aquí. Esta recollida de información realizouse dende o CEIP da Ramallosa.