O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O alcalde de Teo, Rafael Sisto, dirixiuse á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, para lembrarlle o compromiso adquirido polo seu departamento de concretar este verán o investimento para construír unha nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) na Insua (Luou).
Hai uns meses, nunha reunión de traballo entre o goberno de Teo e a conselleira para abordar a necesidade de modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, a propia titular do departamento autonómico tivo a iniciativa de remitir o Concello a Augas de Galicia para estudar unha colaboración na financiación de obras hidráulicas. Posteriormente, o director de Augas de Galicia aprazou a sinatura do posible convenio ata os meses de verán, pois é agora cando estimaba que podería concretar o investimento.
Por iso, Rafael Sisto empraza ao goberno autonómico a avanzar no seu compromiso e “buscar a solución máis axeitada e rápida” para que lle poida dicir canto antes ao Concello “cando imos ser chamados para a sinatura do noso convenio”. Cómpre lembrar que nos Consellos da Xunta desta semana e da pasada foron autorizados 24 convenios de similares características con entidades locais de toda Galicia.
O proxecto
Á vista do interese amosado na reunión con Augas de Galicia, o Concello presentoulles aos seus responsables un orzamento e unha memoria técnica para a EDAR da Insua. Ofrecía dúas opcións técnicas, para que Augas de Galicia escollese a que lle parecese máis viable. Unha utilizaría a técnica dos leitos bacterianos para o filtrado e depuración das augas residuais, cun orzamento de 511.000 euros. E a outra, valorada en case 572.000 euros, incorporaría a tecnoloxía de contactores biolóxicos rotativos.
A infraestrutura serviría para complementar as obras do novo colector que o Concello, a través de Augas de Teo, executará nos vindeiros meses. O conxunto daría servizo a unha poboación duns mil habitantes das parroquias de Calo e de Luou. En Calo, chegaría aos lugares de Mouromorto e do Casal; e en Luou a Trasellas, Loureiro, Espasande, Regoufe, Quintáns, Cantoña, A Igrexa, A Insua e Bustelo.