O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello de Teo vén de outorgar o pasado mes de abril unha licenza de primeira ocupación en Augas Mansas, dentro do grupo de vivendas que seguían sen contar con este documento, nunha urbanización con licenza de obra do ano 2000 que se rematou en torno ao 2004.
Nos últimos meses dende o Concello tentáronse regular algún temas relacionadas con estes inmobles como a alta no servizo de auga municipal, que unha parte das vivendas pagaban mentras outras tiñan o servizo sen regularizar. Nese momento o alcalde de Teo, Rafael Sisto, e a concelleira de Urbanimo, Uxía Lemus, mantiveron encontros coa comunidade de propietarios de cara a buscar solución a unha vella demanda de poder obter as licenzas de primeira ocupación das vivendas.
Neste momento solicitáronse xa tres licenzas de primeira ocupación, unha delas xa outorgada. Dende urbanismo lembran que na visita de comprobación todo debe estar acorde co proxecto de obra presentado no seu momento para o outorgamento da licenza de obra. Coa tramitación destas licenzas e das que poidan ir solicitando a veciñanza da zona enténdese que se conta cunha recepción tácita da urbanización.
Pola súa banda o Concello vai realizar un investimento na zona sur da urbanización para dotala de equipamentos de ocio. Trátase dun compromiso do goberno municipal adquirido coa veciñanza da zona que se concretará na instalación dunha área de xogos que contempla a colocación dun parque infantil e dunha pista multideporte. O orzamento desta instalación é de 52.497 euros e neste momento xa se tramita a contratación da obra que se fará mediante procedemento aberto. Para este gasto contase tamén co cofinaciamento da Xunta a través dunha subvención da Vicepresidencia.
A zona do parque infantil levará pavimento de caucho e varias pezas de xogo entre as que destaca un conxunto con rocódromo para nenos/as de ata 8 anos; varios tobogáns indicados para diferentes idades, e varias randeeiras, unha delas con asiento cuna, específica para bebés. Tamén disporá de varios balancíns. A zona levará un perímetro de seguridade e no entorno está planificada a instalación de mesas, bancos e papeleiras. No mesmo espazo tamén se instalará unha pista multideporte de 17 metros de longo por 10 de ancho con canastas e porterías integradas.
Nas últimas semanas estívose traballando nunha senda peonil que vai dende O Sisto a Augas Mansas e dalle continuidade ao circuito de sendas que se está realizando en torno ao IES de Cacheiras. Así mesmo está previsto revisar o estado das marquesinas e estudar a instalación de pasos elevados na zona para garantir melloras na seguridade viaria.