O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O PROGRAMA MUNICIPAL TEO SOSTIBLE RECIBE UN DOS PREMIOS GALICIA ENERXÍA DO COLEXIO DE ENXEÑEIROS INDUSTRIAIS DE GALICIA

| compartir:

O Concello de Teo recibía esta mañá a comunicación oficial de que o programa municipal Teo Sostible foi recoñecido polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais nos seus premios Galicia Energía. Este programa está coordinado e impulsado dende a concellaría de Urbanismo, dirixida por Uxía Lemus. A nivel técnico conta coa participación de Rosa María Regueiro, investigadora e profesora universitaria de Economía Aplicada.

O Colexio de Enxeñeiros Industriais recoñece o programa “Teo Sostible, accións contra o cambio climático e a loita contra a pobreza enerxética” no apartado de sensibilización e difusión en materia enerxética. O xurado considera que foi un programa transversal, que cun orzamento axustado, realizou accións divulgativas ademais de realizar accións directas sobre familias do Concello de Teo.

 

Uxía Lemus destaca que “este recoñecemento anímanos a seguir traballando no Teo Sostible, un programa que ampara accións municipais que deben redundar nun concello máis eficiente e con maior sensibilidade cara este tema”. Deste xeito a concelleira destaca que nos últimos meses “ademais das accións divulgativas ou o programa contra a pobreza enerxética fomos quen de concretar un préstamo co IDAE de máis de tres millóns de euros para renovar o alumeado público municipal, realizar auditorías enerxéticas ou cambiar o alumeado en edificios públicos para contar cunha tecnoloxía máis sostible”.

 

O Teo Sostible o ano pasado centrouse en tres accións fundamentais: charlas formativas e de concienciación cidadá e accións sobre unha mostra de familias seleccionadas para loitar contra a pobreza enerxética.

 

As charlas realizáronse en coordinación co movemento asociativo en Teo, con moita importancia no Concello como canalizador da información. Nestes encontros coa veciñanza falouse do cambio climático e das súas consecuencias; de cómo interpretar a factura eléctrica e do fomento de hábitos correctos de consumo eléctrico.

 

No apartado da loita contra a pobreza enerxética traballouse cun grupo de familias do Concello coas que se realizaron medidas como a mediación coas compañías eléctricas para reducir a potencia contratada; asesoramento para solicitar o bono social; substitución de electrodomésticos antigos por uns máis eficientes ou o cambio da iluminación das vivendas por iluminación led.

 

 

 

O premio do Colexio de Enxeñeiros Industriais entregarase nun acto en Vigo o 21 de abril, ao que asistirá Uxía Lemus.

teo