O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O ‘VOLCÁN CULINARIO' DE 'A CAPILLA' GAÑA O IV TAPATEO

| compartir:

O IV Concurso de Petiscos TapaTeo, organizado polo Concello de Teo, dá a coñecer os seus premios. A proposta gañadora na avaliación dos clientes foi ‘Volcán culinario’, do establecemento ‘A Capilla’, situado en Calo. Obtivo unha nota de 4,83 sobre 5 puntos. Como local mellor puntuado polo público situouse ‘Casa Pernas’, situado en Pontevea. A súa puntuación foi de 4,85 sobre 5.

‘Volcán culinario’ é unha elaboración con pan caseiro, ovos de curral, chourizo caseiro, pemento, queixo e patacas. A súa presentación evoca un volcán, no que o pan se erixe como o monte en erupción, co ovo, o chourizo e o pemento conformando a lava e co queixo disposto na superficie. 

 

En canto ao veredicto do xurado do certame, o petisco premiado foi ‘A ilusión dun emigrante’, do ‘Restaurante Squash’, de Calo. É unha combinación de polbo, gnocchis e hummus de aguacate. O xurado decidiu outorgar ademais unha mención especial para o ‘Volcán culinario’ de ‘A Capilla’.

 

A concelleira de Turismo, Comercio e Emprego, Conchi García, asegura que o concurso acada unha considerable repercusión na actividade do sector hostaleiro local. De feito, durante os dez días de celebración –entre o 10 e o 19 de xuño- o IV TapaTeo propiciou a consumición de 1.618 petiscos nos doce establecementos participantes: A Capilla, Restaurante Squashm, As Brasas Parrillada, Restaurante Bariloche, Cafetería Club Os Tilos, Rincón de Sara, Hotel Congreso, Restaurante Canaletto, Casa Nerea, Tapería A Raiola, Brasería Novo Porche e Casa Pernas.

 

Premios para os clientes

Ademais de coñecerse os petiscos e locais gañadores, esta mañá procedeuse ao sorteo público dos premios para os clientes e clientas no salón de plenos do Concello. Os nomes das persoas gañadoras serán publicados unha vez se lles comunique a elas. Disporán ata o 31 de xullo para reclamar os premios.

 

Entre os clientes e clientas que reuniron os doce selos no seu pasaporte, un por cada establecemento, sorteouse o Premio Aquafit, consistente nun abono anual para o uso das instalacións da piscina cuberta da Ramallosa, para a persoa gañadora ou para outra que designe. O segundo premio é unha cea para dúas persoas nun dos establecementos do concurso, que escollerá a persoa gañadora. Neste sorteo entraron todos os pasaportes con dez ou máis selos.

 

En canto aos premios sorteados entre todas as papeletas de puntuación participantes, vanse entregar: o I Premio Adega Ponte da Boga, consistente nun lote de produtos de Estrella Galicia valorado en 125 euros; o I Premio Gadis, consistente nunha tablet e unha cafeteira de cápsulas; o II Premio Ponte da Boga, un lote de produtos de Estrella Galicia valorado en 75 euros; e o II Premio Gadis, un libro de cociña e dúas olas.

tapateo