O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

TEO PRESENTA, EN COLABORACIÓN CON SANTIAGO E AMES, UN PROTOCOLO DE ACTUACIÓN PARA A PREVENCIÓN DE DESAFIUZAMENTOS

| compartir:

O concelleiro de Benestar de Teo, Ignacio Iglesias, presentou un protocolo de actuación para a prevención de desafiuzamentos e atención a persoas afectadas. O documento realizouse en colaboración cos Concellos de Santiago e Ames. Na presentación á prensa, que se fixo en Santiago, os concelleiros estiveron acompañados da decana do Colexio de Psicoloxía de Galicia, María Rosa Álvarez e do vicepresidente do Colexio de Traballo Social, Gonzalo Saborido.

Este documento "é o resultado de numerosos meses de traballo e de xuntanzas da Mesa de Desafiuzamentos" e quere dar "contido ao Convenio asinado en 2013 entre o CGPJ, a Xunta e a FEGAMP", tal e como sinalaron na presentación. Dende o Concello de Teo enténdese que é importante a colaboración institucional para dar solución integral a problemas complexos como o caso dos desafiuzamentos. Por eso se traballou cos Concellos de Santiago e Ames e cos colexios profesionais de Avogacía, Psicoloxía e Traballo Social.

O Protocolo ten como obxectivo previr que se poidan producir situacións de desafiuzamento da vivenda habitual no ámbito dos municipios asinantes e xestionar os posibles casos que se poidan xerar neste territorio. Neste punto insistiu o edil de Benestar de Teo, Xosé Ignacio Iglesias, quen fixo un chamamento á veciñanza para que "acudan aos servizos sociais municipais antes de que estas situacións avancen" e destacou que o protocolo vai servir como "ferramenta para sistematizar as acción intentando que non queden buratos na rede".

Pola súa parte, Luisa Feijóo, concelleira de Servizos Sociais de Ames, sinalou que "este protocolo ten que ser una folla de ruta para axudar aos tres concellos sobre como debemos actuar ante estas situacións" e fixo fincapé na "colaboración entre as adminsitracións e os colexios profesionais".

Tamén tomou a palabra a decana do Colexio de Psicoloxía, Rosa María Álvarez para lembrar que "a vivenda non son só catro paredes senón que é un proceso vital". De aí que sexa tan importante o papel que xoga o Colexio de Psicoloxía "no acompañamento psicolóxico destas persoas".

Finalmente, Gonzalo Saborido, vicepresidente do Colexio de Traballo Social, puxo o foco "na colaboración intermunicipal" e na posta en común destas actuacións a través dos colexios profesionais, que "somos quen máis contacto temos coa sociedade civil e as plataformas e ONG".

 

 

Mediación e acompañamento

 

Destinada a aquelas persoas que, como consecuencia do seu empobrecemento ou insolvencia sobrevida, non poidan facer fronte ás contías dun préstamo hipotecario e fosen requiridas xudicial ou extraxudicialmente. Tamén se dirixe a aquelas persoas que non poidan sufragar as rendas previstas no contrato de arrendamento.

 

 

O Concello ofrece asesoramento legal e psicosocial grazas ao convenio asinado cos colexios de Psicoloxía e Avogacía e a participación neste Protocolo do Colexio de Traballo Social. Tamén se tramitarán de forma urxente as axudas sociais ás que se poida acceder e que no caso de Compostela están incorporadas na ordenanza de garantía básica cidadá Compostela Máis.

 

 

Tamén se dará información sobre as posibilidades de solicitude dun avogado ou avogada de oficio e acompañarase a esa persoa durante todo o proceso, elaborando informes sociais e realizando as xestións pertinentes para conseguir unha reestruturación do préstamo, dación en pago ou quita da débeda.

 

 

Realizarase a necesaria intermediación co Instituto Galego de Vivenda e Solo e a mediación oportuna entre a persoa afectada e a entidade financeira para acadar un acordo entre as partes e, no caso, suspender ou prorrogar a data sinalada para o lanzamento.

 

 

Protección

 

Dirixida a aquelas persoas que se ven obrigadas a abandonar a súa vivenda por terse producido unha orde xudicial de lanzamento. O procedemento iniciarase cando o xulgado remita dita orde aos servizos sociais e xurídicos do Concello ou cando unha persoa requira directamente a nosa intervención.

 

 

O obxectivo pasa por mobilizar os recursos municipais orientados a garantir alternativa habitacional ás persoas afectadas polos desafiuzamentos nos tres concellos. Ofrecerase mediación coa entidade financeira ou propietario/a da vivenda, xestión dos trámites da xustiza gratuíta, apoio psicosocial, comunicación á Xunta da situación de desafiuzamento e tramitación da solicitude dunha vivenda social á Comisión Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

 

 

No caso de producirse lanzamento da vivenda habitual, os e as axentes da Policía Local que estean presentes no momento do lanzamento proporcionarán o modelo escrito de aprazamento do lanzamento á persoa desafiuzada, así como a intervención do Concello e a posta en contacto coa concellaría responsable.

teo