O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A concelleira de Urbanismo de Teo, Uxía Lemus, alerta da dinámica irresponsable na que está entrando o PP de Teo no tema das segregacións de fincas. A normativa autonómica actual, a nova Lei do Solo do ano 2016, aprobada en solitario polo Partido Popular, conseguiu un efecto negativo para a cidadanía teense, a prohibición ou segregación de parcelas en solo de expansión de núcleo rural.
Nos últimos días o voceiro do Partido Popular de Teo, José Manuel Guerra, e o seu segundo mantiveron unha xuntanza coa Secretaría Xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas. Segundo o Partido Popular a solución á prohibición das división de fincas está na elaboración dun plan especial. Esta afirmación “amosa ignorancia, descoñecemento ou mala fe por parte do PP de Teo” destaca a concelleira de Urbanismo.
O que eles din que lles trasladou a Secretaria Xeral de Urbanismo é o que recolle a lei. Para poder realizar as segregacións poderíase facer un plan especial, como recolle o artigo 117 do PXOM de Teo. “O que non lles deberon explicar na Xunta ou eles non entenderon é que sería preciso facer un plan especial para cada núcleo de Teo, en total 121 plans especiais” destaca Lemus.
Polo tanto o señor Guerra “está buscando un rédito político rápido sen importarlle a seguridade xurídica dos propietarios de Teo” explica a concelleira de Urbanismo. Os plans especiais son ferramentas do planeamento urbanístico complexas cunha tramitación administrativa de varios meses, incluso nalgúns casos máis dun ano. Sen embargo para o Partido Popular de Teo a solución á prohibición das segregacións é facer 121 plans especiais, nada menos.
Uxía Lemus explica que “dende o goberno teense conscientes do problema que lle xeneraba a nova lei do solo a moitos veciños e veciñas en abril do ano pasado xa se levou unha moción ao pleno na que se propoñía unha modificación na redacción da Disposición Transitoria primeira da Lei 2/2016”. Tamén se ten solicitada unha xuntanza coa Conselleira de Urbanismo, Beatriz Mato, para poder abordar esta problemática.
Así mesmo o goberno local ten o compromiso de atender esta demanda social no marco da revisión do actual do PXOM que se está facendo. Unha das reivindicacións que deben ter cabida no novo plan xeral de Teo é precisamente a posibilidade de dividir fincas en solo de expansión de núcleo rural. O Concello está traballando xa no deseño do novo documento urbanístico municipal que, entre outras cousas, terá que recoller esta realidade.