O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Teo participa nas II Xornadas Formativas do Programa Cidades Amigas da Infancia de Unicef en Galicia

| compartir:

O Concello de Teo participou esta mañá na segunda edición das Xornadas Formativas do Programa Cidades Amigas da Infancia de Unicef en Galicia. Esta inciiativa busca seguir fomentando a participación infantil, no marco da promoción dos dereitos dos nenos. O título da xornada foi Estratexias e novas metodoloxías para promover a Participacióin Infantil e Adolescente no ámbito municipal, para ofertar un espazo para seguir profundizando no coñecemento do Programa.

Teo leva meses traballando neste programa coa constitución do CLIA de Teo e poñendo en marcha iniciativas como unha campaña de seguridade viaria ideada e realizada polos nenos e nenas do Consello. Esta mañá Beatriz e Jesús, integrantes do CLIA de Teo participaron nas xornadas acompañados do concelleiro de Benestar, Ignacio Iglesias, e a educadora familiar do Concello, Eva López.

"Esperamos que, a través da celebración destas xornadas, poidamos transmitir a convicción de que é necesario mellorar o  benestar da infancia mediante a promoción e implantación de políticas municipais eficaces, que teñan en conta as aportacións dos nenos e adolescentes, para que estas garantan o seu desenvolvemento integral baixo un enfoque de dereitos", señalou Myriam Garabito Cociña, presidenta de UNICEF Comité Galicia, na apertura do evento. Tamén participaron Mª Amparo González Méndez, directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia e Manuel Mirás Franqueira, vicepresidente executivo da FEGAMP, colaboradores da iniciativa.

Ademais de ampliar o coñecemento sobre o Programa Cidades Amigas, as xornadas teñen como obxectivos principais impulsar a participación infantil, como marco de dereitos da infancia a nivel local a través de estratexias e mecanismos de participación, seguimento e retroalimentación de propostas, así como facilitar as vías para coñecer e compartir experiencias de participación infantil e adolescente, grazas á implicación de representantes dos CLIAS de Teo, Castrelo de Miño, Ourense e Tomiño.

Campaña de seguridade viaria en Teo

"Nós presentamos unha proposta aos técnicos municipais e aos responsables políticos para mellorar a seguridade viaria no noso municipio" comentaron Jesús de 11 anos e Beatriz,  de 12 años, do CLIA de Teo. A raíz desta petición, o Concello aprobou apoiar a execución da iniciativa, apostando por que os protagonistas da mesma foran os propios nenos e nenas. 

Unha das actividades desta mañá foi o encontro entre os nenos e nenas dos Consellos co Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela. Nesta xuntanza puideron explicarse as súas inquietudes e propostas. Beatriz, 12 anos, de Teo incide na escasez de profesorado nos centros educativos.

Tamén se resaltaron algunhas das conclusións que se desprenden do  Manifesto de Oviedo, documento que recolle as propostas consensuadas polos mozos/as no V Encontro Estatal de Consellos de Participación Infantil e Adolescente ao que asistiron tamén representantes de Teo o pasado mes de maio.

 

clia Teo