O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Este sábado 13 de abril celébrase en Teo unha festa do deporte ao redor do feito histórico da Batalla de Cacheiras. Máis de 700 persoas participarán nalgunha das actividades organizadas dende a concellaría de Deportes, dirixida por Jorge Carballido.
A proba central será a carreira absoluta que sae as 17:30 horas de Bamonde e terá a meta no cumio de Montouto, no mirador natural da Pena Escorredía. Trátase dun percorrido de 9 quilómetros polo trazado histórico da contenda de 1846. Unha hora antes, ás 16:30 horas sae unha andaina que realiza o mesmo traxecto de 9 quilómetros, tamén dende Bamonde ata Montouto, pero sen afán competitivo.
As probas escolares realizaranse no parque dos Tilos, a carón da piscina municipal dende as 10:30 hroas. Ás 10:30 horas competirán a categoría SUB 6(peques) correndo 150 metros; ás 10:45 a categoría SUB 8 (prebenxamín) correndo 300 m aprox; ás 11:00 será a quenda da SUB 10 (benx) cun traxecto de 1.100 m aprox; ás 11:15 corre a SUB 12 (alev) 1.100 m aprox e ás 11:30 as categorías SUB 14 (inf.) –SUB 16 (cad.) –SUB 18 (xuv.) un trazado de 2.400 m aprox. A entrega de trofeos das probas escolares farase ás 12:30 horas.
Recollida de dorsais
A recollida de dorsais para as probas escolares farase a partir das 09.00 horas no lugar de saída (a carón da piscina municipal dos Tilos) e ata 30’ antes da súa proba. A recollida de dorsais para a proba absoluta será a partir das 15:30 horas no lugar da meta (alto de Montouto – Nave de Augas de Teo) e ata 30’ antes do inicio da proba respectando o horario de autobuses establecido pola organización.
Para a andaina recolleranse os dorsais a partir das 15:00 horas no lugar da meta (alto de Montouto – Nave de Augas de Teo).
Nota informativa: Todo/a atleta que entre na liña de meta sen o seu dorsal ou sen que estea debidamente colocado na parte anterior do corpo en toda a súa extensión será automaticamente descualificado
Unha vez recollido o dorsal os/as atletas adultos/as e participantes na andaina que o necesiten serán trasladados en autobús ata o punto de saída.
Horario de saída dos autobuses:
Andaina: 16:15 h
Carreira absoluta: a partir das 16:15 h, o último sairá ás 17.05 h
Haberá servizo de roupeiro na liñas de saída (Bamonde) e meta (Nave de Augas de Teo).
Proba conmemorativa
A Carreira Pedestre da Batalla de Cacheiras conmemora os feitos de abril de 1846, moi determinantes na historia posterior de Galicia. Enfrontáronse as tropas dos militares sublevados contra as enviadas polo goberno. As rebeldes estaban comandadas polo coronel Solís, contrario ao réxime absolutista do xeneral Narváez. Once dos insurrectos acabarían sendo executados en Carral o 26 de abril e outro en Betanzos uns días despois. Son os chamados Mártires de Carral, recoñecidos posterioremente pola súa loita a favor das liberdades.
Para divulgar estes feitos, na meta da Carreira Pedestre poderase ver unha exposición didáctica de material histórico, indumentaria da época e tamén personaxes caracterizados realizando patrullas.
Podes consultar aquí os horarios e aquí os planos de situación das probas. Aquí podes ver a información sobre a recollida de dorsais. Máis información sobre as probas premendo aquí