O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Teo conmemora o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, sumándose de novo á campaña En negro contra as violencias e cunha declaración institucional que precederá unha representación de teatro.
A campaña, que xa supera o centenar de vilas e cidades participantes, trata de sensibilizar a poboación sobre a violencia machista. Do 18 ao 25 de novembro convídase ao comercio, aos colexios, ás instalacións deportivas e ao
conxunto de axentes sociais a vestir de negro os seus locais e espazos públicos. Trátase de amosar o rexeitamento unánime da sociedade a todas as formas de violencia contra as mulleres e de facer de Teo un espazo libre de violencias machistas.
Para ser conscientes da gravidade deste problema público, basta lembrar que mil mulleres foron asasinadas desde 2003, ano en que empezaron a recollerse cifras de xeito oficial, ata o pasado 10 de xuño.
Declaración institucional
En canto ao acto municipal programado co gallo do 25-N, adiántase ao venres 22 de novembro. Terá lugar no Auditorio Constante Liste, situado na Ramallosa, e comezará ás 20:15 horas. No inicio darase lectura á declaración institucional da campaña En negro contra as violencias. As persoas encargadas de ler o manifesto serán representantes dos equipos femininos de fútbol do Praíña e do Calo.
Despois, a partir das 20:30 horas, representarase no auditorio a peza teatral O rueiro das liortas, a cargo da compañía Elefante Elegante. O espectáculo da Compañía Elefante Elegante baséase na comedia da arte italiana e no teatro popular para afondar nas relacións de parella e nas dificultades para manter vivo o amor. Dirixida a todos os públicos desde os oito anos de idade, esta comedia iniciática, vista desde unha óptica feminina, combina o dinamismo dos elementos escenográficos que representan diferentes espazos, un actor e unha actriz que interpretan múltiples personaxes e un neno e mais unha nena que fan valer a súa verdade.
O Elefante Elegante crea espectáculos de teatro visual baseados tanto no texto coma no xesto e no movemento. As súas pezas, que buscan a universalidade, xorden da fusión de diferentes linguaxes: a palabra, o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais. Desta volta, ofrécennos unha obra de coidada estética na que as emocións, os afectos, o humor e o texto van da man para achegar a cativada e a mocidade ao teatro en lingua galega.
Podes ver aquí o trailer da obra.
Documental Mulleres
Na semana do 25 N continúan os actos no Concello coa proxección do documental Muller(es)Muller. Será o xoves 28 de novembro ás 19:30 horas no Salón de plenos e a entrada é de balde ata completar aforo. O documental, de 80 minutos, conta a historia de mulleres de tres xeracións, de seis familias con vidas moi diferentes. Na cinta fálase dos seus desexos, as súas loitas ou as súas contradicións. Tamén de como o feminismo transformou a sociedade. Muller(es)Muller conta coa participación das escritoras Marilar Aleixandre, Carmen Blanco, Yolanda Castaño, Olga Novo, Chus Pato e María Reimóndez.
Attachment | Size |
---|---|
manifesto25N_ennegro.pdf | 71.71 KB |