O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A programación cultural deste mes de agosto está centrada en espectáculos para un público familiar ao aire libre. Segundo indican dende a Concellaría de Cultura, dirixida por Mayte Argibay, "a seguridade nestes momentos é fundamental e na nosa oferta tivemos en conta realizar propostas con cultura de Teo en entornos nos que poidamos garantir as medidas de seguridade". De feito unha das apostas desta área que continúa en agosto, o autocine, cumpre con esta idea, a da cultura segura.
Pero a oferta é moi variada, dende contacontos ou espectáculos máis pensados para os/as cativos/as da casa ata concertos dunha das bandas de Teo ou rutas polos petróglifos. Podes consultar a programación completa premendo aquí
Esta fin de semana, o venres 7 farase unha andaina nocturna polos petróglifos á beira do Angueira e o sábado 8 unha noite de observación astronómica no patrimonio arqueolóxico na Pedra Bicuda (Luou). Para estas actividades xa están esgotadas as prazas.
A banda Cultural de Teo ofrecerá concertos o sábado 15 ás 13:00 horas no campo da festa de Bamonde, o domingo 23 ás 20:00 horas no campo da festa de Teo e o luns 24 ás 13 horas no campo da festa de Luou.
Máis centrado nos/as máis pequenos/as teremos o domingo 16 ás 19:00 horas o monólogo Tecnologies con Pedro Brandariz; o mércores 19 ás 19:00 horas en Montouto teatro de rúa con Mad Compass e o seu espectáculo Nino & Mambrú, os irmáns limpabotas, o sábado 22 ás 19:00 horas en Bamonde a Peter Punk con Chungo que te cajas e o luns 24 ás 19:00 horas en Luou o concerto familiar Brinca Vai de Paco Nogueiras. Todas estas actividades son de balde e non é preciso reservar entrada.
O mes de agosto pecharase cun concerto de dous grandes artistas nun espazo único. O domingo 30 ás 19:00 horas teremos na Burga de Xermeade en Reis a Xoán Curiel e Sergio Tannus en concerto.
O mes de agosto en Teo tamén é sinónimo de lembranza. Concretamente de memoria das persoas represealiadas no ano 36 na figura de Ánxel Casal, o último alcalde republicano de Santiago, que foi asasinado e cuxo corpo apareceu na Estivada da Ribeira en Cacheiras no ano 36. O 19 de agosto ás 20:00 horas realízase un acto público organizado polo Concello de Teo no que participan os Concellos de Santaigo e Arzúa para lembrar a figura de Casal.
Autocine
Por outra banda o autocine no mes de agosto tivo proxección en Teo o día 1 e quedan para o resto do mes sesións o 14 en Bamonde coa película Ralpf rompe con internet, o 15 en Lampais con Arrugas e o 22 en Luou co filme A galiña Turuleca. Para poder asistir ao autocine hai que reservar entrada.
-Prioridade para a veciñanza empadroada nas propias parroquias onde se proxecte o filme e por orde de apuntamento.
-A través das comisións de festas, asociacións, ou colectivos de referencia a nivel parroquial, no caso de habelos, ou no enderezo electrónico: autocinecultura@teo.gal, nos telefónos 881 957 534 – 689 386 303 en horario de 9:00 a 14:00 de luns a venres, indicando o nome e apelidos, número de DNI, teléfono, aldea e parroquia, matrícula do coche e a película que quere ver.
- Non se poderá asistir sen previo apuntamento para a retirada da entrada e sen cumprir os requisitos.
Para garantir a asistencia da veciñanza á súa parroquia correspondente terán preferencia os veciños e veciñas da parroquia na que se proxecte o filme correspondente e por orden de apuntamento. No caso de que queden entradas libres poderase ter en conta a entrada das persoas doutras parroquias diferentes a onde se proxecte o filme, sempre con previo apuntamento.
O prazo sacar as entradas será de quince días antes da proxección de cada un dos filmes. Achegamos o programa completo do autocine premendo aquí
Attachment | Size |
---|---|
Anxel Casal 2020 cartaz.jpg | 514.27 KB |
axenda Cultura agosto-01.jpg | 934.98 KB |
Cartel Autocine Teo (1).pdf | 6.82 MB |