O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.
O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.
O Enreguéifate anunciou hoxe mesmo nas súas redes sociais cales son os vídeos premiados na edición deste ano, que se desenvolveu do xeito habitual malia a situación de confinamento producida por mor do COVID-19. Neste senso, a organización do certame transmitiu “a súa gratitude pola alta participación” dadas as circunstancias, xa que se recibiron un total de 27 vídeos a concurso, 16 na categoría escolar e 11 na xeral. As procedencias, do máis diversas: O Grove, Tordoia, Donostia, Santiago, Lugo, Baio, Burela, Cangas, Ourense, Cotobade, Gondomar, Ferrol, Malpica de Bergantiños, Teo, Mourente ou Baamonde.
A EcoRegueifa, unha composición realizada polo alumnado do CEIP A Ramallosa, que se autodenominou Banda EcoTeo, está entre as premiadas polo xurado na categoría escolar de regueifa máis reivindicativa. Podes ver o vídeo aquí.
A concelleira de Lingua, María López, “agradece a participación de todos os grupos no certame Enreguéifate, xa que a regueifa é unha ferramenta lúdica coa que o alumnado utiliza a lingua oral de forma creativa, e felicita á Banda EcoTeo, do CEIP A Ramallosa, polo premio á regueifa máis reivindicativa”.
O xurado deste ano estivo formado por Conchi Cochón, técnica de normalización do Concello de Pontevedra; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; Vero Rilo, narradora oral e Lupe Blanco, regueifeira.
Este foi o resultado das votacións, que anunciaron, ao non poder haber gala final coma nos outros anos, cun vídeo protagonizado por Séchu Sende como representante do xurado e que estivo moi ben acompañado polas Regueitubeiras:
Podedes ver o vídeo completo aquí.
Premios Categoría Xeral
Premios Categoría Escolar
Podedes acceder a tódolos vídeos na páxina web do certame ou na canle de Youtube.
Que é o Enreguéifate?
Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino.
O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.