O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello de Teo declara, ano tras ano, o 11 de novembro, día do San Martiño, como festividade local e colabora coa organización da feria tradicional que se celebra en Francos e conta con máis de 450 anos de historia.
A pandemia provocada pola Covid-19, fixo que padecésemos confinamentos sociais, limitacións drásticas nas nosas actividades e mesmo a perda de seres queridos ou de membros da nosa veciñanza que botamos a faltar, máis nestas celebracións colectivas. A pesar do tempo transcorrido dende as primeiras medidas sanitarias, mantense a situación de perigo e as medidas administrativas e sanitarias de prevención seguen a limitar as nosas actividades.
Por iso o Concello decidiu suspender as actividades do San Martiño na carballeira de Francos e prohibir toda actividade comercial, lúdica ou de hostalería no entorno no que se celebra a feira o día 11 de novembro e nas semanas anteriores.
Esta decisión, ademais de responder ás indicacións das autoridades sanitarias, busca contribuír a preservar a saúde colectiva para poder celebrar moitos San Martiños máis, segundo explica o rexedor teense Rafael Sisto.
Este 2020 a feira cabalar da un salto inevitable na súa historia confiando en que o ano que vén poidamos volver a celebrar unha cita festiva que está no ADN dos teenses.
No século XX, segundo nos explica o arquiveiro municipal, Pablo Sanmartín, "só está documentado a cancelación da feira noutra pandemia anterior, coincidindo coa gripe española do ano 18". Aquel ano o Goberno Civl da Coruña establecía a prohibición de celebración da festa.
Dende o Concello deseñáronse actividades vinculadas coa feira ao redor da data do 11 de novembro pero sempre cumprindo aforo ou sendo activides ao aire libre que se poden realizar de xeito individual.
Polbeiras
Un dos elementos máis importantes no San Martiño son os postos das polbeiras. Como este ano non se poderá desfrutar del na carballeira de Francos dende Turismo artellouse a posibilidade de poder mercar polbo para levar en varios puntos do Concello.
Puxéronse en contacto cos vendedores habituais do San Martiño e ofertóuselle a posibilidade de colocar un posto de venta en zona pública na mañá do 11 de novembro. E a maioría deles recibiron moi positivamente esta iniciativa. Deste xeito poderemos comer polbo o 11 aínda que non sexa na feira. O servizo será só de recollida e deberanse respectar as restriccións en vigor e manter a distancia social.
Os postos estarán nas seguintes ubicacións:
Calo: Aparcadoiro da Casa Común de Ameniro.
Luou: Aparcadoiro municipal
A Ramallosa: Aparcadoiro Casa do Concello.
Montouto: Nas inmediacións do parque infantil de Montouto.
Os Tilos: Praza do mercado
Pontevea: Aparcadoiro municipal.
Na procura dos cabalos do San Martiño
E como neste ano 2020 os cabalos non puideron chegar á feira cabalar temos a algúns despistados. Concretamente temos oito cabalos “perdidos” polo Concello. E propoñémosvos o reto de atopalos. Coidado! Se os atopades só tedes que facer unha foto con eles. Deixádeos no mesmo sitio que outros moitos teenses queren xogar ao mesmo xogo. .
Dende Turismo deseñouse un xogo pensado especialmente para as familias que consiste en atopar oito cabalos de madeira que estarán ubicados en oito rutas marcadas no noso territorio. Poderase xogar entre o 6 e o 30 de novembro. Para facilitar esta actividade nos primeiros días de novembro as crianzas escolarizadas en Teo recibirán un folleto coas mapas das oito rutas e unha pista para axudar a localizar os cabaliños. O folleto tamén se poderá descargar en teo.gal.
A idea é que as familias poidan achegarse dun xeito lúdico a este San Martiño que non se pode celebrar na carballeira e que ao mesmo tempo pasen momentos no exterior gozando do patrimonio natural de Teo.
Ademais para esto tivemos a sorte de contar coa participación dun artesán local, Rodrigo Mosquera de Tres oficios, que traballa coa madeira dun xeito espectacular e nos deseñou uns cabalos ben xeitosos.
As persoas que queiran xogar cando atopen un destes equinos deben facer unha foto con el. E para deixar constancia poden subila ás redes sociais coa lapela #sanmartiño2020 (as súas redes deben ser públicas) ou enviar a foto por correo electrónico a turismo@teo.gal. As crianzas que consigan localizar e documentar cando menos 6 dos 8 cabalos poden dirixirse a turismo@teo.gal e obterán un pequeno agasallo! A recompensa será un bautismo equino nunha hípica de Teo.
Actividades de Lingua
Por outra banda a Concellaría de Lingua propón catro actividades, tanto para público infantil inseridas no programa Apego como para público adulto, dentro da programación do San Martiño 2020.
Así, o mesmo día do San Martiño, a Compañía Fantoches Baj presenta Os romeiros do caracol, no Auditorio Constante Liste. Unha viaxe dos irmáns Quintá nun enorme caracol vivenda no que contan e cantan as cancións e as lendas de San Andrés de Teixido. Ese mesmo día, xa en horario nocturno, ás 20 h na Biblioteca dos Tilos, Candido Pazó fará a contada Botando a lingua a pastar, onde narra contos tirados da tradición oral, motivos adaptados da literatura ou historias de creación propia relacionadas coa lingua.
Con anterioridade ao San Martiño, o 7 de novembro ás 11 h, Xurxo Mariño, no Mercado Labrego dos Tilos presenta Historias da ciencia cotiá, un monólogo con historias curiosas e próximas sobre ciencia do día a día no Día da Ciencia en Galego.
E para rematar esta programación, o 19 de novembro ás 20 h, O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro, no Auditorio Constante Liste; unha peza teatral que fala da relación do ser humano cos obxectos, da degradación ecolóxica do planeta por mor da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada.
Todas estas actividades terán aforo restrinxido. Inscricións a partir do 2 de novembro, por orde de entrada, indicando a actividade e enviando o nome completo e o DNI, no caso de telo, das persoas asistentes ao enderezo-e politicalinguistica@teo.gal
AVISO: A Cartelería do San Martiño recollía unhas xornadas micolóxicas que non se van realizar por non darse as circunstancias para facelo neste momento.
En relación á programación do San Martiño o Concello resérvase o dereito de cancelar calquera das actividades en función da situación sanitaria ou da publicación de novas restriccións que lle poidan afectar a Teo.
Attachment | Size |
---|---|
CERTIFICADO RES SUSPENSIÓN SAN MARTIÑO 2020.pdf | 77.91 KB |
cartel_SanMartiño2020_0.jpg | 792.33 KB |