O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Igualdade lanza a campaña "Conta con nós: confinamento libre de violencias machistas"

| compartir:

A Concellaría de Igualdade pon en marcha a campaña "Conta con nós: confinamento libre de violencias machistas" coa intención sensibilizar sobre a situación de vulnerabilidade e emerxencia que sufren as vítimas de violencia machista durante o contexto actual de confinamento. A campaña en redes vai acompañada dos cancelos #TeoCoida #TeoArroupa xa que se busca tamén a implicación de toda a sociedade para a protección das mulleres.

A campaña nace co obxectivo xeral de fomentar unha comunidade solidaria e sensibilizada coa problemática da violencia machista e, especialmente, tendo en conta o contexto excepcional que vivimos a día de hoxe, onde a situación de confinamento e limitación de movementos pode agravar as situacións de violencia contra as mulleres.

Esta iniciativa quere dar a coñecer recomendacións sobre autocoidados para vivir en época de confinamento así como reforzar a información sobre os recursos locais de atención a mulleres en situación de violencia machista. Tamén se pretende incentivar a solidariedade e a axuda mutua entre a veciñanza no caso de coñecer ou intuír un posible caso de violencia machista.

A vontade é construír entre todas e todos, un “confinamento, en calquera das súas fases, seguro” indica a concelleira Iria Otero. Por isto, a idea forte da campaña é a unión da veciñanza e da administración para garantir a seguridade e a protección das mulleres. Animámosvos a facer uso dos materiais compartíndoos nas vosas redes ou imprimindo se considerades que tedes un lugar visible onde poida ser de axuda.

Dende o Concello ademais da difusión en redes o material informativo tamén se entregará en espazos coma centros de saúde, farmacias...No material pódense ver as distintas vías de comunicacion para as persoas que estean nunha situación de violencia machista tanto por correo electrónico coma por teléfono. Tamén se dan consellos por se a situación dentro da vivenda se agrava. Consulta aquí a infografía informativa. O Centro de Información á muller é o recurso municipal para atender as necesidades das vítimas de violencia de xénero onde poden atopar asistencia psicolóxica e asesoramento xurídico. O teléfono de contacto é o 981.938.475 (en horario de 09:00 a 14:00 horas) e o correo electrónico de contacto é cim@teo.gal

O teléfono de información ás mulleres o 016 non deixa rastro na factura e funciona as 24 horas.

Esta campaña financiase con cargo as fondos recibidos do Ministerio de Igualdade para o desenvolvemento das competencias recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Esta campaña tamén conta cunha guía de recursos que podes descargar premendo aquí

Se queres compartir esta campaña podes descargar os materiais para imprimir:


 

infografía

Arquivos descargables