O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Mocidade volve cun obradoiro de parkour en Calo

| compartir:

A Concellaría de Mocidade recupera a actividade presencial con varias actividades ao aire libre para o mes de outubro. A primeira será un obradoiro de parkour o sábado 3 de outubro no parque de Calo, no lugar da Igrexa. Haberá dúas sesións, unha ás 17:00 e outra ás 18:30 horas, e está dirixido á mocidade de entre 12 e 18 anos. A actividade é de balde e para anotarse hai que enviar un correo electrónico a mocidade@teo.gal indicando os datos persoais e teléfono de contacto. As persoas que precisen transporte deben indicalo no correo electrónico especificando a súa parada de autobús máis próxima. 

O parkour é un deporte urbano no que as persoas que o practican utilizan o seu corpo para superar obstáculos, normalmente usando o propio mobiliario urbano, realizando acrobacias. Neste caso usarase un parque de parkour instalado para o taller que cumpre con todas as medidas de seguridade.

Deste xeito volve o programa QuedaTeo que busca dar opcións de ocio aos mozos e mozas de Teo no seu entorno máis próximo. Esta iniciativa, que quere ofertar alomenos unha actividade mensual, arrancaba en xaneiro e quedou interrompida pola crise sanitaria. 

As actividades faranse con mascarilla e respectando os protocolos sanitarios polo covid. Tendo en conta que a situación pola pandemia é cambiante o Concello resérvase o dereito a anular ou modificar as condidións ou data dos actos programados.

E para rematar o mes teremos un roteiro nocturno de Samaín con sorpresas. Será o sábado 31 de outubro e se tes entre 12 e 18 anos podes anotarte enviando un correo electrónico a mocidade@teo.gal. A actividade está prevista para as 20:30 horas e o lugar terás que agardar para coñecelo cando nos acheguemos á noite máxica do Samaín....Estade atentos/as ás redes sociais de mocidade no twitter e no instagram @mocidadedeteo

parkour