O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O Concello licita unha senda peonil de San Domingos ao centro de saúde e a reurbanización do núcleo de Sestelo

| compartir:

O Concello de Teo investirá 642.328,93 euros na construción dunha senda peonil na parroquia de Calo e na reurbanización do núcleo de Sestelo (Rarís). As obras, en fase de licitación ata o 5 de agosto, contarán cunha achega de 574.531,31 euros a cargo do Plan único da Deputación da Coruña mentras os 67.797,62 euros restantes serán achegados por fondos proipios do concello.

Con ambas iniciativas mellorarase a seguridade viaria e a accesibilidade peonil no termo municipal de Teo. Un dos proxectos contempla a construción dunha senda peonil desde San Domingos ao centro de saúde de Folgueiras, na parroquia de Calo. Ata o de agora, o lugar non contaba cun espazo para os peóns, tendo estes que transitar pola vía destinada ao tráfico rodado. Para darlle solución a esta problemática, e que as persoas poidan acceder de forma segura aos núcleos e equipamentos da contorna, construirase unha beirarrúa de formigón de 1,5 metros de ancho, que nalgúns casos puntuais pode reducirse a 1,2 metros. Deste xeito, completarase unha beirarrúa actualmente en execución e conectarase o centro de saúde polas súas dúas bandas.

A construción da senda procurará non reducir o tamaño da calzada, que dispón de 5,5 metros de ancho, acortándose nalgúns puntos aos 4,9 metros. Á súa vez, proxéctanse dous pasos de peóns elevados, un que permitirá conectar a senda cunha parada de autobús, e o outro, que se situará no cruce da estrada que vai a Solláns, permitirá dar continuidade á senda pola marxe dereita da estrada.

O proxecto tamén inclúe a mellora da rede de saneamento, que facilitará a recollida en superficie das augas pluviais e a súa condución para devolvela á cuneta existente. Este proxecto contará cun investimento de 315.951,93 euros, cofinanciado a través do Plan único da Deputación.

Dentro das actuacións de mellora da seguridade viaria e accesibilidade, tamén se levará a cabo a reurbanización da aldea de Sestelo, na parroquia de Rarís. O proxecto permitirá renovar as vías con novo pavimento, nalgúns casos de formigón e nas pistas máis afastadas do núcleo dunha mestura bituminosa en quente.

Na actuación tamén se dotará as vivendas da infraestrutura necesaria para dispoñer de abastecemento de auga potable e da evacuación de augas pluviais e residuais, nos casos nos que non se dispoña destes servizos. Tamén se instalará a infraestrutura necesaria para dotar á iluminación pública dunha rede de subministración completamente soterrada. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de 326.377 euros terá un período de execución de 4 meses.

 

coche