O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Lingua organiza por segundo ano consecutivo unha ruta para recoller as herbas de San Xoán na ruta das Muiñeiras, situada na parroquia de Luou.
Este ano, para cumprir coas restricións existentes en canto ao número de participantes, haberá 4 quendas, en horario de mañá e tarde. Así ás 11.00 h será a primeira quenda, que partirá desde a igrexa de Luou e ás 12.30 h comezará a segunda desde a aldea da Ínsua en sentido inverso. Así, ás 16.30, tamén iniciará desde a igrexa de Luou e ás 18.00 h desde a aldea da Ínsua, en horario de tarde. Como é tradición a data para recoller as herbas é o 23 de xuño, véspera da noite na que se deixan en auga.
As persoas interesadas deben enviar un correo-e ao enderezo lingua@teo.gal co nome completo e DNI, no caso de telo, das persoas que desexen participar na ruta e a quenda na que prefiren inscribirse, mañá ou tarde. Unha vez, enviado recibirán a confirmación co horario no que asiste cada persoa.
A ruta realizada na pasada edición tivo unha excelente acollida entre a poboación teense, guiada igualmente polo educador ambiental Tino Quintela, pretende servir para facer esta con coñecementos, identificando as plantas, coñecendo como nomealas e paseando polo contorno natural teense.
Ademais, as persoas que participen nela recibirán a guía impresa Recollida das herbas de San Xoán pola Ruta das Muiñeiras, que servirá de apoio para identificar as herbas e saber como se nomean comunmente. A guía pretende axudar para identificar ata 9 herbas das que habitualmente se recollen polo San Xoán e que se encontrarán con facilidade na ruta das Muiñeiras, xa que cada planta vai acompañada dunha ilustración que axudará á súa identificación. Así mesmo, tamén a acompaña unha breve descrición, o seu nome científico e unha escolma das diferentes maneiras de nomealas que existen espalladas polo territorio.
Este coñecemento da nosa lingua fortalece o vínculo co contorno no que vivimos, o que axuda a normalizar o uso social desta en actos da vida cotiá, como o é a relación coa natureza e a tradición da recollida das herbas, ligada á entrada do solsticio de verán e baseada na crenza de que lavar a cara con elas no día de San Xoán reconforta as persoas debido ás súas propiedades máxicas.
Tradicionalmente apáñanse un conxunto herbas, que varían moito dunhas zonas a outras da xeografía, pero que, en calquera caso, son especies comúns amplamente coñecidas polas persoas das sociedades agrícolas onde comeza esta tradición. Son un mínimo de sete herbas, polo que facemos unha escolma das máis comúns e habituais na zona teense.