O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Acougo explicará en Teo os detalles da realidade do acollemento

| compartir:

A Asociación Galega de Familias de Acollida (ACOUGO) colaborará co Concello de Teo para informar e sensibilizar sobre os programas e sistemas de protección de menores e de acollemento familiar. Así, o vindeiro 8 de xullo ás 19:30 horas estarán en Teo, no salón de plenos, para explicar os detalles do seu programa de acollemento. Se tes interese nesta actividade podes anotarte premendo aquí

Na actualidade en toda Galicia hai 329 familias acolledoras e máis de 1.300 nenos e nenas en centros de acollida, segundo os últimos datos recollidos. Dende Acougo afánanse por dar a coñecer entre a sociedade a realidade de nenas e nenos en situación de desprotección e en axudar ás familias de acollida en todos os seus trámites. O acollemento familiar permite que nenos e nenas tutelados pola administración pública poidan vivir integrados en familias distintas ás de orixe, e medrar nun espazo de protección familiar.

En xeral, na sociedade hai unha clara unanimidade na idea de que o lugar idóneo para que medren as crianzas é unha familia, non unha institución. A asociación Acougo, que agrupa a familias de acollida galegas, ten como misión difundir a realidade da infancia institucionalizada, e promover a cultura do acollemento na sociedade. É por iso que se achegan o vindeiro 8 de xullo para amosar os detalles do seu programa e animar á sociedade teense para que se implique no benestar da infancia máis vulnerable.

Unha das mensaxes nas que poñen o foco dende esta Asociación de carácter autonómico é que sen a participación de familias non se lle pode dar pulo ao acollemento, posto que non é unha acción que poidan facer ou que dependa dos profesionais nin das institucións. Lembra que para participar nesta reunión hai que inscribirse premendo aquí.

acollemento