O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
No mes de abril a cultura terá un papel destacado na axenda do Concello de Teo. O departamento de Cultura realiza unha aposta por eventos culturais
nos que se priorizan as medidas de seguridade sanitaria. Así, entre o 1 e o 10 de abril o Auditorio Constante Liste continuará acollendo a mostra
“Don Gaiferos polos camiños cara á Compostela”, que se inaugurou no mes de marzo coa función de monicreques sobre este célebre peregrino. A exposición
presenta un anaco do patrimonio cultural e humano sobre a Ruta Xacobea grazas ao traballo da compañía teatral Kukas.
A mostra inclúe a instalación de monicreques con fíos e decorados da versión da obra “Don Gaiferos”, estreada con motivo do Xacobeo 93, con deseños
orixinais das diferentes versións da peza e ilustracións do cómic elaborado naquel ano por Marcelino de Santiago Kukas e Agustín de Castro (Gus) no que
se narra a viaxe do peregrino francés polo Camiño. As persoas que visiten a exposición poderán levar de agasallo un exemplar da reedición desta interesante obra de banda deseñada.
Exposición ‘Os libros da nosa vida’
Entre os días 19 e 24 de abril o Auditorio Constante Liste, para celebrar o Día do Libro, acollerá a exposición “Os libros da nosa vida”. A mostra propón unha viaxe por algunhas obras que acompañaron a distintas xeracións e a relación que estas tiveron con elas. Está formada por unha pequena escolma de libros pertencentes ás nosas bibliotecas, que consideramos significativos na formación de persoas lectoras ó longo dos últimos anos. Trátase pois dunha restrospectiva que buscar espertar a curiosidade e a nostalxia.
Paralelamente realizarase unha solta de libros no Auditorio Constante Liste. Estará formada por libros doados ás nosas bibliotecas e que por adecuación ás coleccións ou duplicidade non pasarán a incorporarse ós nosos fondos. Estes libros poderán levarse de balde. As soltas serán o venres 23 de 17:00 a 19:00 h e o sábado 24 de 11:00 a 14:00 h.
Concurso de marcapáxinas
O servizo das Bibliotecas Municipais de Teo, convoca o I Concurso de marcapáxinas das Bibliotecas Municipais de Teo. O obxecto deste concurso é o fomento da lectura e promoción das bibliotecas. Está dirixido aos nenos e nenas e adolescentes do concello, que comunicarán a través da súa expresión e creación artística as súas vivencias, intereses e emocións arredor da lectura, dos libros ou das propias bibliotecas. Poderán concursar todos os nenos e nenas que estean empadroadas no Concello de Teo, e estableceránse categorías por idades.
As obras presentaranse nos modelos en cartón deseñados para tal fin, que se atopan nas Bibliotecas Municipais onde se poderán recoller, así como nos que se repartirán nos centros escolares do concello. Haberá flexibilidade á hora de elexir o tema, sempre que garde relación coa lectura e poderase empregar a técnica que se prefira sempre e cando poidan ser reproducidas. O prazo de presentación fíxase entre o 29 de marzo e o 9 de abril. A entrega terá lugar nos centros educativos ou nas biblioteca e o
premio será un lote de libros por categoría.