O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

En setembro escapa do labirinto de millo!

| compartir:

Turismo de Teo publica a oferta lúdica no labirinto de millo para o mes de setembro no que destacan os xogos de "escape room" que serán para público familiar e tamén haberá sesións só para persoas adultas. A inscrición nestas actividades xa está aberta e hai que facela a través do formulario en liña que odes atopar premendo aquí

Os días destes xogos serán as tardiñas dos xoves e venres de setembro. Os días 9, 16 e 23 en horario de 18:30 a 20:30 horas serán as sesións para público familiar mentras que os venres 10, 17 e 24, en horario de 20:00 a 22:00 horas será a quenda das persoas adultas. A actividade é de balde. 

Segundo explican dende Turismo de Teo "queremos convidarte a pasar unha tarde-noite de Setembro xogando no labirinto! Confinadas nalgunha das salas do labirinto, só os grupos que consigan resolver as probas en tempo poderán liberarse e correr para atopar a saída!". 

No caso das sesións familiares será un xogo adaptado para nenos e nenas acompañados dunha persoa adulta responsable. A idade recomendada é a partir de seis anos. Aconséllase traer calzado e roupa axeitada para correr polos carreiros de terra do labirinto, auga e máscara. A duración prevista do xogo é dunha hora ao que se lle engade o tempo de explicación da dinámica e normas do xogo. O xogo conta con monitorado especializado pero non poderán xogar menores que non vaian acompañados dunha persoa adulta. No caso das sesións para adultos o xogo estará salpicado cunha "chisca" de medo. 

Ubicación 

O labirinto de millo está situado nun espazo rural no lugar da Torre, na parroquia de Cacheiras, o que debe terse en conta para o acceso, localizando previamente esta instalación. Contará con baños públicos nas inmediacións. Entre as principais recomendacións para a súa utilización están que as crianzas deben manterse custodiadas en todo momento por responsables adultas e empregar os camiños habilitados para o paseo.

A concelleira de Turismo, María López, indica que "se trata dunha actividade turística de baixo impacto ambiental, que acollerá gratuitamente a todas as persoas que desexen desfrutar dunha xornada de lecer nun contorno natural". Está previsto que se poida visitar ata finais de setembro, cando o millo xa vai secando. 

Ademais, nas fins de semana, na entrada ao recinto, haberá servizo de cantina, máis concretamente os venres entre as 16 e as 20 h e sábados e domingos de 12 a 20 h. Tamén haberá, ao seu carón, unha zona habilitada para que as persoas poidan desfrutar dunha merenda campestre.

A localización concreta do labirinto de millo pode encontrarse a través da aplicación de Google Maps

Para máis información sobre o labirinto pode acceder á web de Turismo, ás RR.SS. de Turismo ou chamando ao teléfono 698 186 891.

escape labirinto millo

 

labirinto