O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O Concello alegará contra a expropiación da pista da canteira a un terceiro

| compartir:

O pleno do Concello aprobou por unanimidade unha moción na que se rexeita o anuncio da Xunta de Galicia de expropiación forzosa do viario público que atravesa parte da explotación mineira da Casalonga. O BOP do 25 de novembro publica un anuncio polo que a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, de data 18 de novembro de 2020, polo que se somete á información pública a solicitude de expropiación forzosa relacionada coa concesión de explotación “Casalonga” nº 6996, no Concello de Teo, expediente IN334A 2020/01-1.

O ben a expropiar descríbese, dado que no anuncio non se indica nin referencia catastral nin datos rexistrais da parcela, como “franxa comprendida entre os puntos quilométricos 6+400 e 7+600 da EP 0205 de Bertamiráns á Ramallosa e que foi desafectada e permutada pola Deputación Provincial da Coruña á mercantil Camilo Carballal SL, por acordo plenario do 30 de marzo de 2006”, cunha superficie de 10.544 m2.

En dito expediente de expropiación forzosa, aparece como administración expropiante a Xunta de Galicia, como beneficiario Toca Salgado, SL (Toysal) e como expropiado, un terceiro, Manuel Carballal Pazos.

Dita franxa, denominada pista da canteira, é de propiedade municipal conforme á Concentración parcelaria de San Xoan de Calo - acta de recepción dos camiños de uso público e planos de situación dos camiños afectados de data 14 de maio de 2008-, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, da Xunta de Galicia, Rexistro de entrada no Concello de Teo, de 9 de xuño de 2008.

Dende o Concello destácase que a existencia dun viario municipal que cruza a canteira e os títulos que acreditan a titularidade municipal deste viario, foron postos en coñecemento en numerosas ocasións ante a administración expropiante, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, a última vez en data 27 de outubro de 2020, no requirimento por parte do Alcalde de Teo, de anulación da aprobación do plan de voaduras para o ano 2020, rexistro de saída 202090000000911, de 27/10/2020, por non axustarse ao establecido na normativa aplicable, ao non incluír un viario municipal.

Pero en vez de respostar este requirimento municipal de anulación, a mesma Xefatura Territorial resolve iniciar un expediente expropiatorio en beneficio da empresa Toysal, tentando obviar, unha vez máis, os títulos de propiedade municipal sobre este viario.

Dadas as consecuencias do expediente de expropiación iniciado pola Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, consecuencias gravísimas posibles sobre este ben municipal de uso veciñal, o Pleno da Corporación acordou:

PRIMEIRO.- Amosar o seu total rexeitamento ante o Acordo da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, de data 18 de novembro de 2020, polo que se somete á información pública a solicitude de expropiación forzosa relacionada coa concesión de explotación “Casalonga” nº 6996, no Concello de Teo, expediente IN334A 2020/01-1, ao afectar ao viario público coñecido como a pista da canteira, ben de dominio público.

SEGUNDO.- Apoiar as medidas que se adopten na defensa deste ben municipal pola Corporación Municipal, en cumprimento da súa obriga de defensa e custodia dos seus bens e dereitos.

TERCEIRO.- Remitir este Acordo ao Presidente da Xunta de Galicia, ao Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, así como a Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

O alcalde explicou no pleno que se alegará contra esta decisión da Xunta de Galicia defendendo a titularidade da pista municipal. 

Podes ver o pleno premendo aquí

 

pista

Arquivos descargables

Attachment Size
mocioncanteira.pdf 183.31 KB