O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O Concello instala unha escultura en Francos co cabalo como motivo principal

| compartir:

A poucos días de que a carballeira de Francos cobre vida de novo coa feira do San Martiño o Concello vén de instalar alí unha escultura de granito que ten o cabalo como motivo principal. A obra é unha peza do artista de Padrón Camilo Seira na que se homenaxea a feira cabalar tradicional de Teo. A carballeira de Francos é un dos espazos naturais máis importantes de Teo no que ademais o patrimonio material e inmaterial ten moita importancia. Dende hoxe, esta obra artística incrementa a súa importancia. 

Segundo explica o autor a escultura está realizada nunha única peza, un bloque de granito de Lalín de dez toneladas. A textura é o resultado "das pegadas das diferentes ferramentas que se utilizaron no proceso de traballo, picos, punteiros, cinceis..." explica o autor. Segundo Camilo Seira "a imaxe representa a antiga unión do home e o animal, cun xesto maestro e cómplice por parte do xinete sobre a besta que intenta revelarse". As liñas e os volumes grotescos e esaxerados da peza lembran a arte castrexa, vinculándose tamén co Castro Lupario. 

O escultor naceu en Padrón no ano 1974 e dende moi pequeno manifestou o seu interese pola pintura e a escultura. Licenciado en Belas Artes en Pontevedra o que máis lle entusiasma é a paixón pola natureza e os animais, unha constante na súa obra. Queda reflexada esa paixón na peza realizada para o Concello de Teo. 

A colocación da escultura supón a previa á feira do San Martiño e a programación complementaria que presentou o Concello. Esta fin de semana teremos o sábado 6 ás 21:00 horas o concerto de Pauliña e o domingo 7 a Feiriña cunha chea de actividades para as crianzas. 

Consulta a programación completa do San Martiño premendo aquí

 

 

 

escultura