O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Chega o Nadal e en Teo queremos que sexa un Nadal de noso, e para eso precisamos de vós. Dende as áreas de Desenvolvemento Local e Cultura deseñaron unha programación e unha serie de actividades coa comunidade no centro, para que todos e todas nos sintamos parte deste Nadal. Un dos elementos máis destacados serán sete árbores elaboradas polo artesán local Rodrigo Mosquera, de Tres Oficios, que estarán colocados nas zonas máis comerciais. Estas “árbores de noso” colocaranse sen decoración e as persoas que queiran poderán traer a súa bola ou decoración para colocar. Deste xeito haberá un anaco teu nas árbores de todas!
Ademais se te achegas cun adorno nos días 10 e 11 convidarémoste a un chocolate. Un Nadal de noso para decorar entre todas Xogo arredor das árbores Pero durante todo o Nadal se visitas estas árbores terás tamén un premio, especialmente pensado para a cativada da casa. En cada árbore haberá un código QR no que os/as pais/nais se poderán identificar unha vez e obterán un código. As persoas que se acheguen ás sete árbores e se rexistren a través do QR recibirán un agasallo dunha artesá local, unha lámina de Xiralúa. O obxectivo é que as familias busquen as sete árbores polo concello, desfruten das actividades e gozen deste Nadal do noso.
Animación nas árbores
Durante as semanas do Nadal de noso tamén teremos ambientación diversa. Deste xeito despois da chocolatada inicial, o sábado 18, o Apalpador visitará a ruta Apego en Pontevea de 12:00 a 14:00 h e de 16:00 a 18:00 h; o domingo 19 teremos mercado de Nadal nos Tilos de 11:30 a 19:30 horas; o venres 24 en Cacheiras e Montouto teremos un pasacalles de música e espectáculo de cabezudos e gaiteiros ás 16:30 horas e o martes 28 teremos fotomatón de Nadal, na Casalonga de 11:30 a 13:30 e en Luou de 14:30 a 16:30 h. As “árbores de noso” tamén terán Cantos de Nadal con actuacións na rúa de coros do Concello. Estes horarios están aínda por determinar.
Maxia, música e teatro no Nadal cultural
O Nadal de noso terá ademais de animación de rúa vencellada ás árbores moitas actividades nas que a maxia, a música e o teatro serán protagonistas. Así mesmo, ofertaranse obradoiros relacionados coa decoración e a comida típica destas datas. O mércores 22 teremos taller de adornos de Nadal para nenos/as de 6 a 12 anos. Na antiga escola de Ameneiro de 11:30 a 13:30 h e na escola de Tras do Eixo de 16:00 a 18:00 h. Son de balde pero é preciso anotarse en turismo.teo.gal/actividades.
O xoves 30 teremos obradoiro de doces de Nadal na Casa Común de Rarís para público infantil. Serán de 16:30 a 18:00 h. e de 18:15 a 19:45 h. Hai que anotarse en turismo.teo.gal/actividades
Festival de maxia
Os sábados de decembro teremos maxia para público familiar. Contarase con tres galas no Auditorio da Ramallosa. No sábado 4 visitaranos o Mago Romarís con Maxia Potáxica, o sábado 11 o Mago Paco don Hocus Pocus e o sábado 18 o Mago Dani Polo co espectáculo Enmaxiarte. Todas as funcións de maxia ás 18:00 h. Reserva de entrada escribindo a entradascultura@teo.gal A Banda de Música de Teo ofrecerá un concerto o domingo 26 ás 17:30 no Auditorio e durante todo o mes teremos Fegateatro con varias funcións para todos os públicos. Consultade toda a programación por data premendo aquí
Tamén podes descargar aquí a axenda completa do mes de decembro.
Attachment | Size |
---|---|
Folleto nadal Teo 2021.jpg | 991.17 KB |