O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Arre San Martiño 2022!

| compartir:

Volve o San Martiño cunha ampla programación festiva. Esta tradicional cita co mundo do cabalo, que se celebra o 11 de novembro na carballeira de Francos terá diferentes actividades nos días previos e nas xornadas posteriores. A música e o cabalo serán os dous ingredientes que protagonizan o cartel. 

María López, concelleira de Turismo, destaca que este ano traballaremos para darlle ao cabalo o lugar que merece na feira. A música en directo cos concertos de Treixadura e Boyanka Kostova, será elemento destacado da gran feira teense. 

Xornadas sobre cría 

A programación comeza o sábado 5 de novembro cunhas xornadas formativas sobre a cría e o coidado da cabalaría. Será na carpa municipal, na carballeira, en horario de mañá e tarde. Esta actividade organízase en colaboración co colectivo Amigos do cabalo de Teo. Pola noite, ás 21:00 horas, celebrarase o concerto de Treixadura. Será de balde tamén na carballeira, o escenario central de toda a programación. 

Con máis de 30 anos de historia, Treixadura trae a Teo un espectáculo no que se combina a música de raíz cunha visión actual da música tradiconal galega. 

O domingo 6 celebrarase a Feiriña, un evento pensado para as familias con crianzas. Xa se fixo o ano pasado e nesta ocasión volveremos a ter música en directo, obradoiros para crianzas e paseos a cabalo. O lugar central da actividade será a carpa municipal. 

Na mañá do domingo 6 tamén se fará un roteiro, programado dende Deportes. Ás 10:30 horas sairán da Casa Común de Francos para facer a ruta das tres aldeas. Para participar hai que inscribirse en teo.gal/actividades a partir de primeiros de mes. 

Ollares do San Martiño 

O mércores 9 inaugúrase a exposición fotográfica Ollares do San Martiño, con imaxes dos fotógrafos Óscar Corral e Noel Feans e da fotógrafa Uma Lopes, realizadas na feira do ano pasado. Na última edición "contamos con estas tres miradas artísticas sobre a feira e este ano queremos compartir parte deste traballo, primeiro nunha exposición na contorna e logo presentando un espazo na web municipal que aloxará o material gráfico" indica a concelleira María López. 

Véspera

Aínda que a feira cabalar só se celebra o 11 nos días previos xa están instaladas as carpas do polbo e moita xente da contorna achégase a tomalo, sobre todo na noite do día 10. Nesa xornada tamén se celebrarán os tradicionais cantos de taberna. 

Feira e mercado

O 11 chega o día grande no que os cabalos chegan á feira ben cedo. Porque o San Martiño é unha feira cabalar na que a compravenda de animais segue sendo un elemento destacado. Ao carón dos animais tamén teremos espazo e tempo para o mercado tradicional e este ano para unha mostra de razas equinas e de gornicións. Contaremos de novo coa barraca de Barriga Verde con funcións ao longo do día e música e espectáculos en directo como o Ce Pantasma ás 18:30 horas animando a feira. 

Refeira

Neste 2022 a festa non remata coa feira. O sábado 12 teremos a refeira co concerto de Boyanka Kostova. Será na carballeira, ás 21:00 horas de balde. Boyanka Kostovo é unha banda galega formada por Cibrán García e Chicho no ano 2016 que presentan unha proposta musical que conecta co trap e coa música urbana. 

O domingo 13 péchase o amplo programa do San Martiño cun magosto reivindicativo a cargo de Carlos Santiago co gallo do vinte aniversario da desfeita do "Prestige" e do "Nunca Máis". Será na carpa municipal ás 17:30 horas. 

Podes descargar o cartel do San Martiño 2022 premendo aquí

San martiño

Arquivos descargables

Attachment Size
Cartel_SanMartiño_22.pdf 4.72 MB