O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Educación lanza unha escola de familias para ser un espazo de encontro e apoio

| compartir:

A Concellaría de Educación pon en marcha unha escola de familias que ofertará unha sesión mensual para todas as persoas interesadas nos retos da crianza. Será un espazo de encontro mensual, formación e debate sobre diferentes temas da crianza nas distintas etapas e situacións.

A primeira sesión será o sábado 22 de xaneiro de 11:30 a 13:30 horas no Auditorio da Ramallosa. Haberá servizo de gardaría e as persoas que o precisen deben indicalo no momento da inscrición. A actividade é de balde pero haberá que anotarse escribindo a educacion@teo.gal do 1 ao 20 de xaneiro indicando os datos e un teléfono de contacto.

O primeiro relatorio, o de xaneiro, será sobre o acompañamento no uso saudable das novas tecnoloxías (internet, videoxogos, redes sociais...).

A escola de familias está dirixida aos pais e nais de nenos/as dende Infantil a Secundaria.

Durante os vindeiros meses farase un repaso por temas como a educación afectivo-sexual, as adiccións, resolución de conflitos. Tamén se atenderán as demandas de información e formación que formulen as familias.

María López, concelleira de Educación, destaca que a escola de familias “quere ser un espazo de coidado e de sostén”. “A crianza presenta retos constantes e moitas veces precisamos compartir inquedanzas ou mesmo ver que a comunidade se atopa con situacións similares e que non estamos sós nesta aventura”
explica a concelleira.

A escola de familias terá unha sesión mensual ata o mes de xuño, momento no que se analizará coas persoas participantes o funcionamento e os temas de interese para futuras sesións. As persoas interesadas poderán participar nunha ou en varias sesións xa que os temas abordaranse dun xeito individual en cada xornada.

Relatora

A relatora da escola vai ser Belén Montesa, psicóloga xeral sanitaria con formación en sexoloxía, terapia familiar, experta e drogodependencias e psicoterapia de grupos.
Ten unha ampla experiencia en trastornos aditivos e é unha profesional que colabora con numerosos centros educativos polo que está en permanente contacto coa realidade dos nenos/as, sobre todo na adolescencia.

familia