O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello lamenta a sabotaxe que se produciu estes días nas obras da senda peonil na parroquia de Bamonde. Na zona que vai dende a estrada provincial en Cachóns ata o cruce que vai cara a igrexa de Bamonde retiraron o encofrado preparado para a senda ao longo de máis de 600 metros lineais. A empresa adxudicataria da obra xa presentou denuncia diante da Policía Local por estes feitos, que supoñen unha perda de máis de 3.000 euros.
Trátase dun acto "de vandalismo e sabotaxe que busca obstaculizar unha obra pública que ademais conta con fondos europeos, xerando un prexuízo para o propio Concello e para a empresa que está facendo os traballos" indica o rexedor, Rafael Sisto. Ademais de levantar o encofrado e deixar os restos de madeira ciscados polo entorno tamén volcaron unha máquina coa que se estaba traballando na zona. A empresa terá que volver a facer os traballos coa conseguinte perda de tempo e de recursos económicos.
O alcalde tamén explica que resulta "lamentable que haxa partidos políticos que estean mentindo sobre a execución destas sendas insinuando que se están estreitando as estradas, insinuacións que poden estar alentando actitudes delictivas coma estas que denunciamos". "Pedimos responsabilidade institucional e sobre todo, non mentir sobre temas que ademais se pode ver que son falsos" explica Rafael Sisto. "Podemos discutir se o ancho da da estrada é o adecuado, pero non dicir que con esta obra se estreita", indica o alcalde.
O rexedor refírese a que o ancho da estrada non se diminúe coa construción da senda, como se pode ver na imaxe, xa que o encofrado vai a continuación da liña da carretera. De todas maneiras dende o Concello estudarase cada zona e nos casos, coma neste en Bamonde, nos que o ancho orixinal da vía existente supoña un perigo poderanse buscar alternativas a medio prazo.
A obra da senda en Bamonde está licitada por un importe de adxudicación de case medio millón de euros financiada polo IDAE con fondos europeos. Trátase dunha obra, xunto coas sendas de Calo e Luou que dotarán ao Concello de varios quilómetros destes espazos peonís. Esta actuación está pensada para mellorar a mobilidade dos peóns e fomentar que se ande a pé. En ningún caso para dificultar o tráfico rodado, mais non podemos obviar que as políticas públicas en materia de mobilidade van no camiño de facilitar que as persoas poidan pasear con seguridade e non de incrementar o tráfico de vehículos.