O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Toysal solicita o peche da estrada que cruza a canteira

| compartir:

Onte xoves, día 13 de outubro, o propietario da empresa Toysal e das canteiras da Casalonga, presentou pola sede electrónica do concello a “comunicación previa” preceptiva para o peche da antiga estrada entre A Casalonga e Cornide que atravesa as canteiras.

A comunicación previa é o procedemento urbanístico legal para obter a autorización da obra, e vén acompañada do título de propiedade da antiga estrada. Este título foi conseguido por Toysal grazas ao proceso de expropiación promovido pola Xunta de Galicia, proceso que foi recorrido xudicialmente polo concello pero que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avalou, recorrido agora en casación diante do Tribunal Supremo.

A alcaldía salienta que a comunicación previa limítase ao peche do viario e non contempla outras actuacións necesarias para adaptar a actividade da canteira ás condicións da licenza municipal, polo que esta actividade permanece suspendida. Considera o concello que a comunicación previa semella máis unha provocación dirixida a buscar unha compensación económica, que a corrixir os defectos que posibilitasen a explotación da canteira que se considera inviable.

Diante desta nova provocación promovida por Toysal, o concello reclama calma e unha resposta contundente e unitaria de todas as forzas políticas. Toysal ten que saber que non vai ter ningunha compensación económica por non ser quen de executar o seu proxecto empresarial que, como se comproba agora, só era encher a canteira de merda. A cidadanía de Teo non vai rescatar cos seus cartos a unha empresa que só veu a Teo cun proxecto contaminante e destrutor do noso modo de vida.

A Alcaldía considera que só neste clima de provocación se entende que o peche da estrada se promova cando aínda está aberta a vía xudicial (pendente da decisión do Tribunal Supremo) e, cando previsiblemente, en pouco tempo se abran novas vías de reclamación xurídica sobre o uso público da antiga pista da canteira.

A comunicación previa para o peche permite que no prazo de quince días a empresa realice o peche da pista. 

lagoa