O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

A alcaldesa de Teo estuda co delegado da Xunta en A Coruña posibles vías de colaboración

| compartir:
  • Gonzalo Trenor informa a Lucía Calvo sobre as convocatorias de axudas para desenvolver proxectos “clave para ese concello”

 

Teo, 20 de xullo 2023-. Un mes despois da súa investidura como alcaldesa, o pasado 17 de xuño, a rexedora de Teo, Lucía Calvo de la Uz, mantivo a súa primeira reunión de traballo como rexedora co delegado da Xunta de Galicia en A Coruña, Gonzalo Trenor, para analizar posibles vías de colaboración entre ambas administracións.


 

Trenor recolleu as propostas de Calvo e informoulle sobre a convocatoria de axudas da Xunta de Galicia -ou procedentes de fondos europeos xestionadas polo Goberno galego-, que poderían servir para o desenvolvemento nese municipio proxectos incluídos no programa electoral do Partido Popular, que mereceu a maioría absoluta nos pasados comicios municipais.


 

Entre eses proxectos clave que poderían acceder a financiamento autonómico figuran os relacionados coa mellora das infraestruturas viarias do concello, a creación do parque industrial e comercial da Ramallosa, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables, as iniciativas turísticas, a mellora de centros escolares, o transporte e a mobilidade, as infraestruturas deportivas, a creación de espazos de aparcamento ou o saneamento, abastecemento e depuración.


 

Calvo agradeceu a atención recibida por parte do delegado do Goberno galego na provincia, ao tempo que lle brindou a súa colaboración para abordar calquera actuación que poida redundar nun fomento dos investimentos no concello e nunha mellor calidade de vida dos seus veciños.

A alcaldesa, Lucía Calvo, co delegado da Xunta, Gonzalo Trenor.