O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
(EDITADO) A primeira xornada da fase previa do Club de debate que se celebrou este venres 21 de abril en Teo rematou co triunfo do equipo "Xente que fala" do IES do Milladoiro, do Concello de Ames. Tamén pasan á final os equipos "Ames a palabra" do IES de Ames (Concello de Ames) e o equipo do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón do Concello de Dodro.
O Club de Debate Alingua é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade, organizado por varios concellos galegos, que conta coa colaboración dos centros de ensino secundario e que vai pola XI edición. Teo acolle este venres 21 e luns 24 unha das fases de zona desta edición. O salón de plenos do Concello é o escenario destes "enfrontamentos" dialécticos coa participación dos equipos de institutos de Ames, Santiago e Rois-Dodro.
Desenvólvese como un torneo por equipos, con debates dous a dous nunha fase de zona e nunha final, nas que todos teñen que preparar e defender dúas posicións respecto ao tema proposto, a favor e en contra.
O tema do que debaterán nesta fase zonal de Teo é “Somos menos sociais coas redes sociais”. Os debates terán horario de mañá e tarde durante as dúas xornadas.
Esta mañá a concelleira de Lingua de Teo, María López, deulle a benvida aos equipos, ao xurado así como aos docentes que acompañan ao alumnado. Este programa non sería posible sen a implicación decidida dos institutos.
López animou e tranquilizou á rapazada, consciente dos nervios que se pasan nesta actividade. Aproveitou para "lembrar que este é un programa que nace para fomentar o uso do idioma polo que confiamos en que o uso do galego que ides facer hoxe sexa un uso que fagades a cotío".
O concelleiro de Rois, Manuel Dos Santos, tamén lles deu participou na inauguración da sesión de hoxe.
Os equipos gañadores desta fase, nas xornadas do venres e do luns, participarán na fase final que terá lugar en Ames o sábado 3 de xuño.
Os equipos inscritos participaron previamente nunha xornada de formación para orientar a práctica de habilidades comunicativas e coñecer mellor o funcionamento dos debates.
Retrasmisión en directo
Os debates poderán seguirse en directo na canle de youtube do Concello de Teo, premendo nesta ligazón:
https://www.youtube.com/watch?v=TsnyiMAb0Fc
Nas redes sociais do programa atópase moita información sobre o desenvolvemento: Facebook Instagram
O Club de debate está coordinado desde os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Pontevedra, Rois-Dodro, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra e a participación formalízana os centros de ensino.