O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Goberno local de Teo rexeita de xeito rotundo o proxecto deseñado polo executivo central para a humanización da travesía do Milladoiro, no veciño concello de Ames, posto que segundo a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, “a súa execución suporá indirectamente consecuencias negativas e un grave prexuízo para os veciños do meu municipio”.
“En concreto”, explica a rexedora, “ese proxecto, licitado no pasado mes de setembro polo Goberno de Pedro Sánchez, causará unha notable conxestión na variante das Galanas, pero tamén noutras estradas do noso concello, xa que non contempla nin variante, nin solución algunha para o intensísimo tráfico rodado que atura a diario a Nacional 550 ao seu paso por Ames e Teo, que supera os 23.000 vehículos”.
“Sen entrar a valorar a humanización en si”, engade Calvo de la Uz, “o que non estou disposta a tolerar é que os teenses vaiamos ter que pagar tamén parte das consecuencias da conversión dese treito da Nacional nun bulevar cun só carril en cada sentido, sen prever ao mesmo tempo unha alternativa verdadeiramente útil para os milleiros de condutores que circulan tódolos días por esa vía, que terán que triplicar o seu percorrido habitual”.
A alcaldesa de Teo lembra ademais que o anterior Goberno local “nin sequera se dignou a responder o oficio que o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana do Goberno central remitiu ao Concello teense no ano 2022, mediante o que solicitaba información dos servizos municipais e un pronunciamento sobre ese plan gobernamental”. “É incomprensible, cando o proxecto pode prexudicar claramente a nosa veciñanza, o noso medio ambiente e aumentar considerablemente a contaminación acústica”.
Deste xeito, o Concello de Teo súmase á vontade da Xunta de Galicia de intentar paralizar ese proxecto tal e como está concibido, logo de que o director da Axencia Galega de Infraestruturas do Goberno galego, Francisco Menéndez, anunciara en días pasados en Comisión, no Parlamento de Galicia, que a Administración galega presentará recurso contra o plan do Goberno central.