O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
As parroquias de Rarís, Reis e Teo quecen motores xa para a celebración do entroido rural tradicional dos Xenerais de Ulla no noso Concello. Despois de varios anos nos que a celebración non puido realizarse nas condicións habituais, neste 2023 as comisións organizadoras traballan arreo para que a festa sexa de novo un lugar de encontro para centos de persoas da Comarca.
Rarís abre o cinco de febreiro. As comparsas e os xenerais e correos percorrerán a parroquia para rematar co atranque no campo da festa a partir das 20:00 horas.
Reis celebra o entroido en dúas xornadas, o sábado 11 e domingo 12 de febreiro. O domingo, ao redor das 18:00 horas, haberá un pasarrúas en Pontevea cun entroido convidado, o Entroido dos Cobres de Vilaboa do Morrazo. E haberá atranque nas dúas xornadas, sobre as 19:30 horas no campo da festa da parroquia.
Pecha o entroido a celebración en Santa María de Teo o sábado 18 de febreiro. Logo de andar pola parroquia os xenerais farán o atranque na campo da festa a partir das 20:00 horas.
Festa de interese turístico
O entroido dos Xenerais da Ulla foi declarada festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2013, e os Concellos de A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces colaboran conxuntamente na revitalización e promoción deste evento. Mais o mérito principal do mantemento desta tradición é das asociacións e comisións das parroquias, que son os principais impulsores e dinamizadores desta celebración.
O Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas.
Os oito concellos nos que se celebra o Entroido traballan conxuntamente na revitalización e promoción desta festividade dende o 2011.
As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón. Este ano, coas eleccións municipais en maio, seguramente a política local teña moito protagonismo nos atranques.
Toda a información e o calendario do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com