O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

A Xunta valorou positivamente as peticións do Concello de Teo para mellorar o mapa do bus metropolitano

| compartir:

A alcaldesa do Concello de Teo, Lucía Calvo de la Uz, acompañada pola concelleira de Transportes e Mobilidade, Teresa Castro, mantivo unha nova reunión co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro Saavedra, para analizar as peticións realizadas con anterioridade sobre o mapa do bus metropolitano que pasa polo municipio teense. 

Así, o director xeral trasladoulle que as súas demandas foron revisadas e valoradas positivamente; paso previo ao inicio do expediente coa empresa concesionaria actual prestataria dos servizos co fin de que esta valore os medios necesarios para poder aplicar as ditas melloras.

Desta forma, cubriríanse as necesidades da poboación dos núcleos de Coira e Lampai, dando servizo a primeira hora da mañá. Tamén se van adiantar as horas de saída de dous servizos na liña da Silva-Santiago E.I., unha petición que foi trasladada ao Concello pola Asociación de veciños de Sampaio de Lampai. Tamén se pretende incluír novas paradas na liña Grela-A Ramallosa, concretamente nos lugares do Espiño, Bascuas e Ventureira; así como unha nova parada no lugar da Buela á primeira hora da tarde, co fin de dar servizo a toda a veciñanza desa zona.

Agora, estas demandas trasladadas polo Concello e que contan co visto e prace da Xunta de Galicia serán remitidas á empresa concesionaria actual, neste caso Monbus, co fin de poder plasmalas o antes posible no mapa de bus metropolitano. Así, unha vez actualizado o dito mapa, o Concello poderá reformular a liña municipal circular do TeoBus para garantir que as zonas rurais teñan tamén conexión co resto do municipio. 

Neste senso, as reunións mantidas ata o de agora entre administracións buscan racionalizar os horarios e paradas das actuais liñas, co fin de que sexa un servizo útil para os cidadáns que se desprazan -sobre todo- á capital galega. Precisamente, a alcaldesa salientou que está pendente dunha nova xuntanza coa rexedora santiaguesa para pechar a modificación do actual convenio de buses urbanos. Nesta liña, cabe lembrar que Calvo de la Uz solicitoulle expresamente a Sanmartín ampliar a ruta da liña 6 para que o bus chegue ata o Gadis de Cacheiras, en lugar de parar na zona dos Tilos. “Trátase de mellorar as conexións e ofrecer un servizo de calidade”, remarcou Calvo de la Uz, que insiste en que é necesario reformular as actuais frecuencias para axustarse ás necesidades da poboación, sobre todo no tocante aos horarios laborais. 

foto