O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Comezan as actividades de Nadal en Teo, con moita maxia, música, teatro e obradoiros

| compartir:

O Concello de Teo ten programadas numerosas actividades para todo o mes de decembro, coincidindo coas festas de Nadal, para grandes e pequenos. Un mes repleto de música, obradoiros, teatro e maxia. 

Lembramos que as actividades son todas de balde, pero en moitas delas será preciso anotarse con antelación, polo que é importante que revisedes o apartado de actividades da web do Concello e vos anotedes o antes posible.

Así, o Festival da Maxia arrinca este sábado, 7 de decembro, co show do Mago Cayetano Lledó, un espectáculo para público familiar. Os sábados 14 e 21 será a quenda dos magos Paco e Jorge Lorenzo, tamén con espectáculos para toda a familia. Nos tres casos cómpre anotarse previamente, aínda que no caso de que non se complete a capacidade do auditorio coas entradas, permitirase acceder sen reserva ata cubrir as prazas ese mesmo día. 

O teatro tamén estará presente no Concello de Teo. De feito, hoxe mesmo, xoves 5 de decembro, estrearase a obra Golpes, con Estíbaliz Veiga. Un espectáculo que aborda a violencia machista e fai reflexionar ao público dunha forma muy sutil. Aínda quedan prazas dispoñibles. O vindeiro xoves, 19 de decembro, será a Aula de Teatro do IES de Cacheiras quen represente a súa obra “Historias enguedelladas”, para todos os públicos. Por último, o domingo 29 será Fran Rei quen traerá “Desconcerto de Nadal”, unha obra de teatro musical para todos os públicos. En todos os casos, será con inscrición previa. 

A música será outro prato forte deste Nadal. Comezando co Cantateo: encontro de corais no auditorio municipal o vindeiro domingo 15. O venres 20 será a quenda do musical dos Jalochos Con “A landra viaxeira e o amigo lambón”, mentres que o domingo 22 será Paco Nogueiras co seu concerto “Son animal”. Estes dous últimos espectáculos son para público familiar. 

Por último, obradoiros e máis obradoiros. Para todos os públicos, dende a fabricación de xabón natural, a adornos e doces de Nadal pasando por un obradoiro de arteterapia. Sen esquecernos do obradoiro de lectura de Fadatea, programado para o sábado 14 pola mañá na biblioteca do Grilo, en Cacheiras. 

Cabalgata de reis inclusiva

Xa no mes de xaneiro, as súas maxestades de Oriente volverán visitar Teo. Chegarán á estación de tren de Osebe o día 5 e despois farán un percorrido polos locais das distintas asociacións (Calo, A Pontevella, Os Tilos e Rosalía de Castro) e, xa pola tardiña, farase a recepción oficial no Pavillón Ezequiel Mosquera da Ramallosa.

Ao igual que o ano pasado, farase unha recepción silenciosa no Auditorio Constante Liste para as persoas con diversidade e problemas co ruído. Desta forma, todos os nenos e nenas poderán desfrutar da presenza dos Reis Magos no concello de Teo.

cartel