O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Os carnavais dos Xenerais da Ulla volven un ano máis a encher de cor o concello de Teo. Así, as comisións organizadoras traballan arreo para que a festa sexa de novo un lugar de encontro para centos de persoas da Comarca do Ulla, sendo o pistoletazo de saída esta mesma fin de semana na parroquia de Oza.
O Entroido dos Xenerais da Ulla foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2013 e celébrase en oito concellos: A Estrada, Boqueixón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces, os cales colaboran conxuntamente na revitalización e promoción deste evento.
Pero o mantemento desta tradición é froito do traballo das asociacións e comisións das parroquias participantes, que son os principais impulsores e dinamizadores desta celebración.
Así, esta fin de semana comezan os atranques na parroquia de Oza. As comparsas, os xenerais e os correos percorrerán a parroquia para rematar co atranque no campo de fútbol a partir das 19:30 horas.
A seguinte parroquia que toma a testemuña é Lucí, cuxo atranque está previsto para o sábado 27 de xaneiro ás 19:30 horas no campo da festa. Ao día seguinte, será a quenda de Rarís, cuxo atranque está programado para as 19:30 horas no campo da festa.
Xa en febreiro, o Entroido dos Xenerais da Ulla percorrerán as parroquias de Reis e Cacheiras, ambas con dúas xornadas de celebración. Así, a primeira fin de semana (3 e 4 de febreiro) será en Reis. O sábado o atranque terá lugar no campo da festa, mentres que o domingo será no aparcadoiro municipal. En ambos casos, a partir das 19:30 horas.
Pechará o Entroido a parroquia de Cacheiras, o sábado 10 e domingo 11 de febreiro. Porén, só haberá atranque o domingo a partir das 19:30 horas no campo novo da festa.
Como podedes ver, os carnavais veñen pisando forte no noso concello, con moitos días de celebración e, sobre todo, moitas gañas de festa por parte de toda a xente que traballa durante todo o ano para poder levar a cabo esta festividade tradicional.
Festa de Interese Turístico
O Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas.
As personaxes máis importantes son os xenerais e os correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.
Toda a información e o calendario do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com
Attachment | Size |
---|---|
Carnavais Teo I.png | 890.62 KB |
DESPLEGABLE XENERAIS ULLA 2024 DEF.pdf | 1.77 MB |