O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello de Teo presenta a XXIII edición do Concurso Morfolóxico Cabalar, o cal terá lugar este domingo 25 de agosto no lugar de Ribas, na parroquia teense de Oza.
Trátase dunha cita ineludible para os amantes do cabalo onde se exhibirán os mellores exemplares de Pura Raza Árabe, Española e Percheróns. Haberá concurso de beleza, doma e probas de arrastre. Ademais, a xornada estará amenizada con xogos e diversos obradoiros para a cativada. Tamén estarán presentes diversos postos de alimentación e unha exposición de motos antigas.
Esta nova edición, na que tamén colabora a Asociación Amigos do Cabalo de Teo, pretende poñer en valor a figura do cabalo, un animal que no municipio teense ten gran relevancia posto que é o gran protagonista en diversos eventos culturais.
De feito, son un dos estandartes dos Xenerais da Ulla, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, e da máis que coñecida e prestixiosa feira cabalar do San Martiño, que se celebra cada 11 de novembro na carballeira de Francos. Neste senso, cómpre salientar que o Concello remitiu unha nova solicitude á Xunta de Galicia para declarar a dita Feira do San Martiño como Festa de Interese Turístico de Galicia. Esta feira está especializada na venda do gando cabalar, mular e asnal e conta con máis de 500 anos de antigüidade.
Desenvolvemento da xornada
Sobre as 8.30 horas da mañá procederase á apertura de inscricións, onde cada propietario de animais deberá entregar á Organización do evento a carta de orixe no momento de formalizar a inscrición.
A partir das 10.00 horas comezarán as distintas exhibicións de poldros, percheróns, cabalos e eguas, rematando a xornada con probas de arrastre cara ás 18.30 horas da tarde. Seguidamente, procederase á entrega de premios, dando así por concluída a edición de 2024.
Tamén cómpre destacar o amplo abano de actividades previstas para os máis pequenos. Así, desde as 17.00 horas haberá un obradoiro para facer chapas de cabaliños, ademais de xogos de habilidade, xogos populares e un parque de inchables. Poderán desfrutar tamén dun posto de frigolosinas de balde e rematar a xornada coa festa da escuma sobre as 20.00 horas.
Attachment | Size |
---|---|
PROGRAMA INFANTIL CONCURSO CABALAR.pdf | 26.95 MB |
Triptico Concurso Morfolóxico Cabalar Concello de Teo.pdf | 4.07 MB |