O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Finalizada unha intervención de urxencia no cruceiro de Ameneiro, da man do conservador e restaurador Xabier Bernárdez

| compartir:

O conservador e restaurador Xabier Bernárdez Fresco (Berna) vén de rematar unha intervención de urxencia no cruceiro de Ameneiro, por encargo do Concello. 

Así, ademais de fixar o capitel e a cruz ao varal, realizouse unha inspección e diagnose visual do resto do cruceiro, aproveitando a utilización das estadas, para unha posible proposta de intervención integral de conservación e restauración no futuro.

Para a fixación das pezas que conforman o capitel e a cruz ao varal, utilizáronse cuñas de chumbo nas xuntas. Vanse modelando as pezas de chumbo en frío para axeitalas correctamente ás diferentes xuntas de unión dos diferentes elementos do cruceiro. Seguidamente procedeuse a súa limpeza e a reencherse os ocos con morteiro de cal. Esta mesma operación realizouse en todas as xuntas (cruz co capitel e do varal co pedestal) para garantir a estabilidade do cruceiro.

Durante a diagnose visualizouse un primeiro chanzo da escalinata, de planta triangular ao igual co pedestal, este último desprazado da escalinata. E documentáronse outras alteracións que dende abaixo non se apreciaban coma unha fenda no peito da Virxe provocada polos restos dun elemento metálico que, probablemente, son os restos dun puñal que tiña cravado. Tamén se observou a presenza de espiñas de ferro tomadas con chumbo na coroa do Cristo e conserva un cravo na man dereita, mentres na man esquerda e nos pés se observaron os buratos para colocar os cravos metálicos.

Protección do patrimonio teense

O Concello de Teo aposta de forma prioritaria pola protección do seu patrimonio material. Mostra disto foi a recente restauración do Peto de Ánimas de Cacheiras, en Teo. Un traballo, realizado tamén polo restaurador Xabier Bernárdez, que supuxo a recuperación dun elemento catalogado por Patrimonio e incluído no inventario de bens culturais do Plan Xeral de Ordenación Municipal (ref. C.07) que ten gran veneración entre a veciñanza. 

Este monumento fora vandalizado con pintura vermella cara finais do pasado ano. Concretamente, os danos localizáronse principalmente no retablo central do peto de ánimas no que figura a Virxe María suspendida entre as nubes que tende a man para liberar do lume do purgatorio a tres almiñas. 

Tamén o pasado ano finalizaron as obras de recuperación do cruceiro de Luou, un patrimonio datado do ano 1761 de gran carga simbólica e valor artístico para o municipio. O traballo consistiu na recuperación de parte da policromía orixinal do cruceiro, tanto no hábito do franciscano, ao pé do Cristo, como o cabelo e barba do propio crucificado. Ademais, grazas aos traballos de limpeza, púxose de manifesto a mestría das figuras integrantes do cruceiro: o franciscano, o Cristo e a virxe orante. 

Tamén se restaurou a Reixa Modernista que protexe dito cruceiro, elaborada no ano 1904 en ferro fundido e remates de forxa. O encargado dos labores de recuperación foi o ferreiro e restaurador compostelán Santiago Martínez Otero (Chago).

foto