O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A Xunta de Galicia comezou a executar esta semana actuacións de conservación e mantemento no río Tinto, ao seu paso polo concello de Teo. Concretamente, os traballos desenvolveranse en 3,6 quilómetros do río ao seu paso pola parroquia de San Xoán de Calo, e en 2,7 quilómetros dos regos Tarrío –que tamén transcorre pola parroquia de Bugallido, en Ames-, Texexe e doutro innominado.
As tarefas consisten na retirada de árbores e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, así como en labores de roza selectiva de arbustos, co fin de reducir a súa competencia coas especies arbóreas propias do bosque de ribeira.
As actuacións prolongaranse durante aproximadamente un mes e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoras co apoio de tractores e un camión.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo de Augas de Galicia, este tramo do río Tinto quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Cómpre subliñar que Augas de Galicia desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento dunha zona catalogada como de alto risco potencial significativo de inundación.
O obxectivo é avanzar e mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.