O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Mocidade dos Consellos Climáticos galegos participa nun encontro internacional en Lisboa

| compartir:

Catro integrantes dos Consellos Climáticos Xuvenís dos concellos da Guarda, Oleiros e Teo culminan hoxe a súa participación nun campus internacional arredor do activismo medioambiental que se celebra en Lisboa. Trinta mozas e mozos de sete países europeos e de Cabo Verde acoden a este encontro organizado polo proxecto ‘People & Planet’, do que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade fai parte.

A actividade deu comezo o pasado venres e desde entón o grupo afondou en cuestións como a acción climática, a participación xuvenil e a incidencia política da man de monitoras especializadas, a través da metodoloxía do design thinking e de ferramentas como a teoría do cambio ou a tormenta de ideas. Ademais, traballaron en contacto coa natureza nas praias e bosques da Costa da Caparica, mesmo para abordar cuestións de saúde mental como o paso da ansiedade climática á esperanza climática. 

Estou a aprender estratexias e recomendacións que podo aplicar no día a día e tamén nos voluntariados nos que participo”, explica Marta González, natural do Rosal e membro do Consello Climático da Guarda. Segundo a representante de Oleiros, Aria Rocha, “resulta moi interesante intercambiar ideas con xente tan diversa, pois saen propostas moi variadas que che fan reflexionar e permiten crear pensamento colectivo”. En canto ás estudantes de Teo, “vai ser inesquecible esta primeira experiencia compartindo opinións con xente doutros países”, asegura María Blanco, mentres que para Montse Mayo “o mellor foi coñecer outra xente nova e os seus costumes, alén de tirar aprendizaxes moi útiles para futuros proxectos”.

O programa en Lisboa remata hoxe, Día da Terra, cunha sesión sobre a desinformación e mais as conclusións finais, pero o labor dos Consellos Climáticos Xuvenís continúa tanto nos tres concellos citados como no das Neves. Ademais de elaborar propostas concretas dirixidas a cada un dos gobernos locais para favorecer a sustentabilidade, os catro grupos están a elaborar documentos comúns sobre temáticas que lles preocupan, como os incendios forestais, a auga ou a enerxía eólica, alén de organizar as súas propias actividades. Así mesmo seguen abertos á incorporación de mozas e mozos da contorna que queiran sumarse.

#PeopleAndPlanet

O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ busca concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, reforza tamén aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 17 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 105 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 26 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.


 

foto