O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O alumnado do IES de Cacheiras premiado no certame Consumópolis-19

| compartir:

O alumnado de 1º e 2º curso de Educación Secundaria Obrigatoria do IES de Cacheiras foron gañadores no certame Consumópolis, unha iniciativa impulsada polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Así, o equipo “Minerais” composto por Carla Atrio Montes, Dora Ferreira Martínez, Uxía Taboada Pillado, Uxía Campos Lugo e Uxía Ferreiro Fernández resultaron vencedores co primeiro premio na Categoría B e serán os encargados de representar a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal do concurso sobre consumo responsable e calidade de vida: Consumópolis-19.

O equipo “Sirenas de Mako” composto por María Martínez Fernández, Julia Mella Taboada, Carla Miranda Loureiro, Alejandra Rodríguez Varela e Aroa Vázquez Liñares acadaron o terceiro posto na mesma categoría.

Todos os membros de ambos equipos recibiron hoxe, ademais dos premios, un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores, da man do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén e da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, entre outras autoridades. 

Concurso educativo

Consumópolis, dun lado, ten como finalidade potenciar a educación para o consumo responsable nos centros de ensino, así como motivar un traballo activo e colaborativo de alumnado de 5º e 6º de primaria, da ESO e FP básica. Con tal fin o concurso consta de dúas partes: a primeira, unha cidade virtual na que o alumnado ten que superar 10 probas aprendendo sobre un consumo máis responsable, crítico, consciente e sustentable, así como os seus dereitos como potenciais persoas consumidoras; e unha segunda parte, que é a realización dun traballo en equipo.

Nesta 19ª edición, organizada baixo o lema Súmate á enerxía responsable, establecéronse tres categorías por idades, concedéndose premios para os tres mellores traballos en cada tramo de idade, dotados con 1.000 euros os primeiros premios, 600 euros os segundos e 300 euros os terceiros.

Premiados

Na categoría correspondente a 5º e 6º curso de primaria obtiveron o primeiro premio os alumnos do CEIP O Couto, de Ourense; en segundo lugar clasificouse o CPR Plurilingüe Barreiro, de Vigo; e o terceiro posto recaeu no CEIP de Lourido, de Poio (Pontevedra).

No tocante á categoría de 1º e 2º curso de ESO, obtivo o primeiro galardón o IES Cacheiras, da Coruña; o segundo, o IES San Tomé de Freixeiro, de Vigo; e o terceiro foi tamén para o IES Cacheiras (A Coruña).

Na categoría de 3º e 4º de ESO e FP básica resultaron gañadores as alumnas e alumnos do IES Maximino Romero de Lema, de Zas (A Coruña); o segundo lugar recaeu no IES Plurilingüe Fontexeria de Muros (A Coruña); e o terceiro clasificado foi o CPI Armando Cotarelo de Boimorto (A Coruña).

foto