O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello coordina coa Policía Local e a Garda Civíl do Milladoiro as medidas a levar a cabo no municipio para reforzar a vixilancia e a seguridade, co fin de asegurar unha convivencia pacífica en todos e cada un dos barrios do concello. Así, a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, mantivo unha reunión no Consistorio con membros de ambos efectivos policiais.
Tras os roubos rexistrados nos últimos meses en Teo, a alcaldesa solicitou unha maior presenza destes efectivos para actuar como medida disuasoria ante calquera tentativa, primando a seguridade nas 13 parroquias. Así mesmo, a rexedora municipal tamén avanzou que se está estudando aumentar a seguridade e vixilancia polas noites da fin de semana por parte dos efectivos locais. Unha petición moi demandada pola veciñanza e que ata o de agora non fora posible levar a cabo porque nos últimos anos non se convocaron novas prazas de policía local.
Porén, coa aprobación do orzamento para o ano 2024, o Concello si reforzará a Policía Local, pasando das 9 ás 11 prazas. De feito, aprobouse no Pleno delegar na Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia as competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso ás diferentes categorías do seu corpo de Policía Local, incluídas as prazas de auxiliares de Policía Local. Desta forma, será a Academia Galega de Seguridade Pública quen se encargue desta cuestión.
Esta proposta de Alcaldía foi fundamentada na Lei 4/2007, de coordinación de policías locais, onde se establece que a propia Xunta de Galicia poderá asumir a convocatoria das prazas vacantes e, de ser o caso, a formación e o período de prácticas naqueles concellos que así o acorden mediante os oportunos convenios de colaboración.
Neste senso, cabe sinalar que nos últimos anos non se convocaron novas prazas de Policía Local no municipio de Teo, sendo nove as prazas ocupadas ata o de agora. Porén, tendo en conta a poboación censada por quilómetro cadrado, é máis que necesario incrementar o número de efectivos locais. Unha cuestión na que o Goberno teense está traballando para que sexa unha realidade o antes posible. De feito, o Concello iniciou unha rolda de contactos coas asociacións de veciños para tratar todas estas cuestións.