O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O Concello de Teo aproba un recoñecemento extraxudicial de crédito por máis de 857.000 euros para pagar 1.232 facturas pendentes

| compartir:

O Concello de Teo aprobou hoxe no Pleno Municipal do mes de febreiro un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 857.845,09 euros para pagar un total de 1.232 facturas pendentes. Foi aprobado con 17 votos a favor. 

Con todo, o actual Executivo local foi quen de minorar o gasto en máis de 600.000 euros ao destinar os fondos do POS Adicional 2023 da Deputación da Coruña para cubrir os gastos de subministro de electricidade. De non facelo, o dito recoñecemento elevaríase a máis de 1,4 millóns de euros en pagos pendentes. 

Neste senso, moitas das facturas correspóndense a gastos sen previsión nin consignación económica nos orzamentos, os cales estaban prorrogados desde o ano 2022. Deste xeito, entre esas facturas pendentes de pago figuran gastos por obras de saneamento sen retención de crédito por máis de 146.500 euros ou o propio servizo de campamentos de verán 2023 por importe de case 65.000 euros, o cal estaba sen consignación orzamentaria de ningún tipo, sen licitación previa -tal e como marca a lei- e, polo tanto, de adxudicación directa.

Este recoñecemento extraxudicial de crédito implicará, á súa vez, unha minoración dos actuais orzamentos municipais para 2024, aprobados cunha dotación total de máis de 18,1 millóns de euros no pasado Pleno do mes de xaneiro. Desta forma, deberanse retirar partidas dos orzamentos deste ano en curso para pagar facturas derivadas da mala xestión de anos anteriores. 

Moción conxunta polo 8M

No Pleno desta tarde tamén se aprobou con 17 votos a favor unha moción conxunta de toda a Corporación Municipal cunha declaración institucional con motivo do Día Internacional da Muller, que se celebra cada ano o 8 de marzo. 

Nela promóvese dende o Consistorio o fomento dos plans de conciliación, modelos alternativos de coidados e a empregabilidade das mulleres no tecido económico local. Para iso, buscarase incrementar a colaboración coas asociacións de mulleres do municipio para promover a igualdade en todos os eidos. Tamén se promoverá a adhesión dos locais de ocio nocturno do municipio ao Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas.

A declaración institucional tamén se dirixe a outras administracións para impulsar o emprendemento feminino e o fomento de mulleres en sectores altamente masculinizados; así como a colaborar coas organizacións na promoción de referentes galegas e actividades de comunicación social e sensibilización.

Tamén se recolle a mellora e reforzo dos Centros de Información á Muller (CIM), así como do persoal orientador das oficinas de emprego e dos centros educativos de todos os niveis para promover o seu papel impulsor das eleccións vocacionais libres dos prexuízos e estereotipos de xénero, buscando en todo momento o fomento da igualdade como base fundamental na elaboración de calquera política administrativa. 

Con todo, os catro grupos políticos de Teo -PP, PSOE, BNG e PXCT- concordan na importancia de fomentar a corresponsabilidade e a conciliación entre a vida laboral, persoal e familiar para o exercicio profesional tanto no ámbito público coma no privado.

foto