O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello de Teo conta con tres novos fillos adoptivos para aportar unha singularidade adicional ao municipio

| compartir:

A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, presidiu esta tarde no auditorio municipal Constante Liste o acto de nomeamento de Paula Carballeira, Manuel Quintana Martelo e Víctor Manuel Vázquez Portomeñe como fillos e filla adoptivos de Teo. Un acto que premiou as contribucións dos galardoados ao mundo da cultura en xeral e que “achegan unha singularidade adicional ao Concello de Teo coas súas achegas ao mundo das belas artes, do turismo e da literatura”, salientou a rexedora municipal. 

A alcaldesa puxo de manifesto no seu discurso que “estas mencións permiten vencellar directamente Teo coa cultura, dando a coñecer este Concello ao resto do mundo”. Por iso, engadiu, cómpre “preservar o legado destes ilustres veciños”, vencellados para sempre desde hoxe ao municipio teense. 

Precisamente, esas mencións permitirán tamén poñer en valor toda esa contribución entre as xeracións presentes a as futuras, promovendo o patrimonio cultural galego entre a veciñanza e potenciando os grandes tesouros de Galicia. Polo tanto, “non hai mellores embaixadores para o Concello de Teo que eles”, remarcou Lucía Calvo de la Uz, quen insistiu en que “son un claro exemplo de traballo, esforzo e constancia”. 

O acto de entrega destas distincións, que estivo amenizado polo cantautor Manoele de Felisa e incluíu a actuación do grupo Música en mis Manos, contou coa presenza de numerosas autoridades, entre elas o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García; ademais de directores xerais da Xunta de Galicia, alcaldes de concellos veciños como Boqueixón, Rois, Oroso, O Pino e Trazo. Tamén estiveron artistas e deportistas de elite, así como deputados e gran parte da Corporación Municipal, coa presenza dos concelleiros que conforman o equipo de goberno e representantes do PSOE e BNG de Teo.

Aprobación no Pleno Municipal

O nomeamento destes tres persoeiros foi aprobado no Pleno do Concello de Teo por iniciativa da Alcaldía, co apoio das forzas políticas municipais do PP, PSOE e BNG e co abstención do partido PXCT. 

Ademais, vén fundamentado no disposto no Regulamento de condecoracións do propio Concello de Teo (publicado no Boletín Oficial da Provincia núm. 274 do 28.11.1998), en consonancia cos artigos 190 e 191 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais (ROF). 

Persoas ilustres

A escritora Paula Carballeira ten unha ampla produción en narrativa, poesía e teatro. Foi gañadora ata en tres ocasións do premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil: en 2006 por Boas Noites, en 2011 por O refugallo e en 2018 por Somos os monstros. Ademais, o pasado ano foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática que concede o Ministerio de Cultura y Deporte

O artista plástico Manuel Quintana Martelo conta cunha dilatada traxectoria artística internacional. Actualmente ostenta a presidencia da Real Academia Galega de Belas Artes, en onde, baixo o seu mandato, puxo en marcha o “Día das Artes de Galicia”, conseguindo levar a arte galega -por primeira vez- ao Museo do Prado de Madrid. Un referente global da arte contemporánea que expuxo en numerosos museos, entre eles o Moma de Nova York.

Por último, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, coartífice da Autonomía de Galicia. Foi un dos integrantes da denominada “Comisión dos 16” autores e impulsores do primeiro anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia nos comenzos de 1979. Puxo en funcionamento o Centro Superior Bibliográfico de Galicia, impulsando a rede de infraestruturas culturais a través da creación de casas de cultura nos municipios de Galicia. 

Así mesmo, sendo conselleiro de Educación, canalizou a asunción de competencias de xestión do sistema educativo e da ordenación universitaria, conseguindo a plena escolarización en Galicia. En 2010 recibiu a Medalla de Ouro de Galicia polos seus traballos a prol do turismo e da promoción do Ano Santo Xacobeo en Santiago de Compostela.

Foto