O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello de Teo inicia o expediente para a contratación da obra de asfaltado de varias rúas municipais situadas na zona dos Tilos, dadas as actuais deficiencias que impiden o seu correcto funcionamento, tales como descarnaduras, fendas e fochancas distribuidas de maneira xeralizada pola súa superficie.
O actual deterioro das rúas Ameneiro, Castiñeiro e Carballo é consecuencia tanto da antiguedade do último pavimentado como das inclemencias meteorolóxicas propias do paso do tempo. Tamén inflúe o propio desgaste ocasionado polo uso do mesmo, con moito tráfico rodado por estas vías.
Así, as actuacións previstas pretenden resolver o deficitario estado de conservación dos pavimentos da calzada, posto que o seu lamentable estado repercute nun grave perxuizo no uso destas infraestruturas polo cidadán. Por todo isto, faise necesario invertir no seu acondicionamento co fin de mellorar o desprazamento por estas vías e reforzar a seguridade viaria.
Neste senso, as obras de arranxo e acondicionamento dos viarios, ademais de mellorar os accesos existentes e a sinalización, consistirán fundamentalmente na mellora da capa de rodaxe das pistas, incluíndo a limpeza de gabias. Así, procederase ao reasfaltado de calzada, previa reparación de baches e perfilado de mordentes ao 10% da superficie con aglomerado asfáltico.
O tramo a arranxar comprende unha lonxitude total duns 1.500 metros con anchuras variables e cunha superficie total a aglomerar de 12.725 m². Tamén se levará a cabo o recrecido de dezanove tapas de rexistro existentes ata a cota final de acabado e procederase á sinalización horizontal e vertical con pintado de liñas en bordos e colocación de sinais.
O orzamento previsto para esta actuación ascende a 190.869,82 euros e o prazo de execución estímase nun dous meses. A licitación do contrato sairá nas vindeiras semanas na Plataforma de Contratación do Sector Público.