O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A partir do luns 9 de setembro, e ata o venres 13, as persoas maiores de 60 anos e empadroadas no concello de Teo poderán anotarse á excursión que organiza o Consistorio ao Santuario de Fátima, situado en Portugal. A data da viaxe ao país veciño será o sábado 5 e domingo 6 de outubro. Os interesados poderán achegarse ata o Departamento de Servizos Sociais para facer efectiva a inscrición.
O prezo establecido por persoa é de 130 euros en habitación dobre, tendo un suplemento de 44 euros para os interesados en aloxarse en habitación individual. A excursión inclúe os traslados, hotel e comidas varias. As prazas son limitadas.
Concretamente, partirase o vindeiro 5 de outubro ás 8.30 horas da mañá desde a Casa Consistorial en autobús. Farase unha primeira parada en Vilanova de Cerveira para que os asistentes poidan acudir á tan famosa feira local. O xantar realizarase en Viana do Castelo.
Sobre as 19.00 horas da tarde está prevista a chegada a Fátima, onde se procederá ao aloxamento dos asistentes. Esa tardiña acudirase á Procesión das Candeas no santuario portugués.
Ao día seguinte, domingo 6 de outubro, pola mañá visitarase a vila de Guimaraes con comida nese punto. Á tarde achegaranse ao municipio de Salvaterra de Miño para coñecer de preto o castelo de Dona Urraca. A chegada prevista a Teo será sobre as 21.00 horas.
Para máis información, poden achegarse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello (edificio Constante Liste, 2º andar) ou chamar ao teléfono 881 819 356.