O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O Concello pon en valor o traballo das forzas e corpos de seguridade e dos servizos sanitarios e de emerxencias na xornada celebrada hoxe en Oza

| compartir:

A alcaldesa do Concello de Teo, Lucía Calvo de la Uz, inaugurou esta mañá a II Xornada de Emerxencias e Seguridade, que se celebra durante todo o día na explanada da Casa Común de Oza. Ata alí tamén se achegaron, ao longo da mañá, os directores xerais de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; ademais do comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge M. Rubal, e a subdelegada do Goberno, María Rivas López.

A alcaldesa aproveitou a ocasión para agradecerlle a todos os participantes o seu traballo, fundamental para unha convivencia pacífica e segura e, sinalou, que este tipo de xornadas se realizan, precisamente, para poñer en valor o tan importante labor que desenvolven día a día estes efectivos.  

Ao longo do día haberá diversas demostracións de equipos e corpos de emerxencia na que se simularán diversos desastres e incidencias -como un incendio en plataforma elevada ou un accidente de circulación- para dar conta da capacidade de intervención dos medios locais, en coordinación cos autonómicos, estatais e internacionais.

Tamén hai espazo para os máis cativos, podendo desfrutar de varios talleres, xincanas, xogos e demostración de medios, coñecendo de primeira man o seu traballo e participando con eles nalgún que outro operativo.

Así, participan membros da Policía Local de Teo, a Policía Autonómica e a Policía Nacional, así como efectivos da Garda Civil, da Garda Nacional Republicana de Portugal, da Gendarmería Nacional Francesa e os militares do Tercio Norte de Ferrol, 061, Cruz Vermella e AVPC de Teo, servizos municipais de emerxencias de Vilagarcía de Arousa e de Teo, así como de Salvamento Marítimo e da empresa Fuego y Mar e helicópteros do 061, da Garda Civil e de loita contra incendios forestais, este último con simulación de descarga de Bambi. Tamén estiveron as unidades caninas da Policía Nacional e do Exército, cunha demostración do seu traballo.

Foto