O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O programa '21 días co galego e +' pecha a súa VI edición con récord de participación

| compartir:

Esta mañá clausurouse no CEIP da Ramallosa o programa de dinamización lingüística da Xunta 21 días co galego e +, que nesta VI edición, centrada por primeira vez en exclusiva nas etapas de Infantil e Primaria, volveu bater récord de participación con 4.587 persoas voluntarias implicadas pertencentes a 10 centros educativos das catro provincias.   

No acto de clausura, que estivo amenizado con varias actuacións musicais dos Gaiteiros Ramalloseir@s e Ukeband e da banda A Gramola Gominola, tamén participaron a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; Xesús Ferro, membro numerario da Real Academia Galega; Rafael Vicente, director do CEIP da Ramallosa, e Óscar Suárez, coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro.  

Como broche de ouro da edición, o vindeiro 21 de febreiro, Día da Lingua Materna, terá lugar o II Encontro 21 días co galego e +, unha xornada de confraternización que xuntará todos os centros participantes na Cidade da Cultura para intercambiar experiencias. 

Impacto nas redes sociais

Baixo o lema Medrando en galego, que incide na idea de que o alumnado coñeza a lingua propia desde o berce, a cativada de Infantil e Primaria, así como os seus profesores, optan por falar en galego as 24 horas do día entre o 17 de xaneiro e o 6 de febreiro, tanto dentro como fóra do centro. 

Disto quedou constancia no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, onde se compartiron as creacións dos centros participantes, así como tamén nas contas de Facebook, TikTok, Instagram e Twitter, que un ano máis gozaron de grande alcance tendo en conta que se trata dunha actividade educativa restrinxida a un número limitado de centros e que só dura 21 días, 126 en total ao acumular as seis edicións. 

Así, a canle de Youtube, que suma xa máis de 450 vídeos publicados ao longo destes anos, acumula máis de 111.831 reproducións cun total de máis de 3.890 horas de visualización e 249 contas subscritoras. Ademais, cómpre ter en conta que todo o alumnado participante se conecta colectivamente na súa aula a través dunha única conexión, de maneira que o número de visualizacións non reflicte o número de persoas que ve cada día o vídeo, que é moito maior. 

Por último, os datos destacan a consolidación da conta de TikTok do programa (@21dcgemais), que xa suma 204 seguidores, 19.2000 espectadores únicos e 27.200 visualizacións no que levamos de edición. 

Programa en continua expansión

Esta iniciativa de dinamización lingüística naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. Ten a súa orixe nunha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que inicialmente o desenvolveu en catro centros educativos, un por cada unha das provincias galegas.

foto