O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Os festivos locais en 2025 recaen no 29 de maio, día da Ascensión, e no 11 de novembro, día do San Martiño

| compartir:

O Concello de Teo levou hoxe ao Pleno do mes de xullo a proposta da Alcaldía sobre os festivos locais para o ano 2025, entre outros asuntos. 

Así, vista a tradición deste Concello, propúxose ao Pleno da Corporación fixar como festivos locais os días da Ascensión (29 de maio) e do San Martiño (11 de novembro), dado que se que vén fixando dende hai moitos anos como festas locais neste municipio. Unha vez aprobada a proposta, darase traslado do acordo á Xefatura Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. 

Cómpre sinalar que o 11 de novembro, festividade do San Martiño, ten unha gran importancia para o municipio teense. De feito, trátase do evento socio-cultural e económico máis importante do concello, pois celébrase unha das feiras cabalares máis antigas de Galicia, concretamente, con máis de 500 anos de historia. Un punto de encontro de veciños e veciñas de Teo, así como de xente de fóra, que atopa no San Martiño unha festa tradicional e cultural ineludible onde ademais da famosa trata de gando tamén hai espazo para os produtos locais e de calidade.

Doutra banda, dada a proximidade coa capital galega, cómpre tamén fixar o día da Ascensión como festa local teense, posto que milleiros de veciños e veciñas de Teo acoden a celebrar esta festividade en familia. 

Outros temas

Outro dos temas que se levaron hoxe ao Pleno foi a bonificación do 50% do Imposto sobre construcións, instalacións, obras e servizos (ICIO) á Asociación de Pais de Persoas con Diversidade Funcional de Teo (Aspamite).

Tal e como recolle a Ordenanza fiscal reguladora deste imposto do Concello de Teo, poderase aplicar a dita bonificación naquelas obras levadas a cabo por asocacións sen ánimo de lucro, en centros destinados a asistencia e integración social ou desenvolvemento de actividades culturais de libre acceso e participación. Así, as obras a realizar por Aspamite consisten na eliminación de barreiras arquitectónicas e o acondicionamento do recinto exterior. 

Así mesmo, tamén se levaron a Pleno a aprobación das actas das sesións extraordinaria do pasado 30 de xuño e ordinaria do 26 de xullo; así como unha moción do Grupo Municipal do BNG de Teo sobre a proposta da CIG por un traballo digno. 

Foto