O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

A primeira campaña turística planificada e orzamentada “REDEScubre Teo” ponse en marcha neste mes de febreiro

| compartir:

O Concello presenta REDEscubre Teo 2024, a primeira campaña turística planificada e orzamentada cunha calendarización anual, froito da vontade política do actual Goberno por apostar polo desenvolvemento turístico sostible do municipio. 

Esta programación turística, deseñada pola Área de Turismo en coordinación con Cultura, ten como principal obxectivo crear un amplo abano de oferta complementaria dirixida a todos os públicos, co fin de convidar á veciñanza a ser partícipes das numerosas actividades onde se descobre o concello. Para os visitantes preséntase tamén unha ampla oferta turística e cultural acorde ás novas tendencias de comportamento turístico. 

O programa está composto por unha oferta de máis de 40 experiencias turísticas sostibles, organizadas en catro campañas coincidentes con cada unha das estacións do ano, de xeito que se vivan as actividades dunha maneira diferente no inverno, primavera, verán e outono. Cada tempada estará presidida por un evento singular, como os faladoiros, que servirán de pistoletazo de saída e permitirán afondar nos tesouros de Teo con maior atractivo.

Nestas veladas convidarase a falar a persoas da comunidade local e a expertos foráneos que facilitarán novas claves e aspectos para interpretar o patrimonio cultural local. Un programa que constitúe tamén unha boa oportunidade para render merecida homenaxe á veciñanza implicada neste eido xunto ao importante tecido asociativo local. Entre ellas, cabe destacar os faladoiros sobre as beiras do Ulla e o Entroido dos Xenerais da Ulla.

Pero tamén os itinerarios culturais xacobeos para poñer en valor a Teo como concello xacobeo integrante do Camiño Portugués. Tamén cómpre sinalar as rutas por vías culturais, tales como o Camiño da Geira e dos Arrieros, Per Caminho de Lampai e a Ruta histórica da Batalla de Cacheiras.

Nesta gran programación cultural e turística tamén hai espazo para a interpretación da arte rupestre e do románico teense, así como a tradicional Feira Cabalar do San Martiño de Francos, o evento cultural, económico, social e histórico máis relevante de Teo e candidata a ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. 

Por outra banda, preséntanse as novas Experiencias Turísticas Sostibles, baseadas na conxunción da cultura, natureza e gastronomía teense. Así, no apartado cultural “Como sentir Teo” ofertaranse rutas interpretadas da arte rupestre e da astronomía cultural, rutas teatralizadas históricas e de vías culturais, ARTEterapia, obradoiros creativos en diferentes temáticas tales como Rosalía de Castro, Xenerais da Ulla, arte rupestre, románico, cruceiros e sobre a feira do San Martiño de Francos.

No apartado da natureza “Que agocha Teo”, ofertaranse rutas de sendeirismo con dinámicas de baños de natureza, baños de bosques, benestar, tradición, recollida de plantas e mindfulness, meditación, xeorrutas na procura das árbores senlleiras, experiencias starlight ou mar de estrelas. Así como actividades deportivas como rafting e/ou descensos no Ulla.

Por último, no apartado de gastronomía, “A que sabe Teo”, promoveranse actuacións en sintonía cos establecementos de restauración locais que queiran adherirse a este programa, deseñando xornadas culinarias baseadas na gastronomía do Entroido, a lamprea do Ulla, menú Goza do Ulla, xornadas micolóxicas, outras vinculadas a enoturismo (catas, maridaxes, harmonía de sabores), cociña Km 0 (slow food), sabores da Terra e, por último, obradoiros de doces de Nadal.

Cada unha das actividades programadas contará co seu correspondente cartel e promocionarase na páxina web do Concello e nas redes sociais municipais. Desta forma, os interesados poderán inscribirse con tempo nas actividades e poder desfrutar así dun calendario pensado para a xente en xeral e a veciñanza de Teo en particular. 

foto

Arquivos descargables